Ambientalistas alertan que a inviabilidade de Sogama subirá un 26% a fatura do lixo aos fogares

Sogama verá reducidos os seus ingresos en 13 millóns de euros anuais após as modificacións do goberno español no sistema eléctrico, indican desde Adega. Para compensar esa perda, advirten, a fatura do lixo aumentará

 

As modificacións do sistema eléctrico e a eliminación das primas ás renovábeis introducidas por Rajoy ameazan a viabilidade de Sogama, empresa que xestiona 82% dos refugallos urbanos do país mediante a incineración e o vertido, afirman desde Adega.

Segundo os cálculos da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza, Sogama verá reducidos os ingresos que obtén pola venda da electricidade "nuns 13 millóns de euros anuais. Porén, ao basearse na xestión dun recurso público (o lixo) que pagamos tod@s, a solución é ben doada: aumentar a factura nun 26% de xeito que a tonelada de lixo que cobra Sogama pasará de 62 a perto de 80 euros".

"A tonelada de lixo que cobra Sogama pasará de 62 a perto de 80 euros"

Hai alternativas

Mentres, "os sistemas baseados na redución e na compostaxe, como o da Mancomunidade do Barbanza, aliás de ser máis ecolóxicos, supoñen un maior aforro para os cidadáns e os concellos".

Para este colectivo ambientalista, o PP ten a oportunidade "de rematar co ruinoso sistema Sogama aprobando a ILP dos residuos que vén de entrar no Parlamento coa beizón da Xunta Eleitoral ás 20.389 sinaturas de galeg@s que demandamos un outro modelo de xestión do lixo".

Adega lembra que Sogama incinera a metade dos refugallos urbanos e transfórmaos en gases e cinsas tóxicas, "enviando a outra metade ao vertedoiro de lixo máis grande de Europa, a verdadeira "caixa B" da política de residuos da Xunta. Un modelo ilegal, insustentábel ambientalmente e ruinoso economicamente".