Os locais de hostalaría poderán decidir baixo que nivel de seguridade e restricións funcionar

A hostalaría concentra a maior rebaixa das restricións cunha ampliación dos horarios. (Foto: Arxina).
O protocolo acordado entre a Xunta e representantes do sector está pendente do aval do Comité Clínico e contempla a recuperación do uso da barra nos negocios que se acollan ao nivel máximo.

Os negocios de hostalaría da Galiza quedarán divididos en dous niveis de seguridade independentemente da situación sanitaria do concello no que se atopen. Serán os propios estabelecementos os que decidan baixo que nivel de condicións e seguridade queren operar, se no medio ou no máximo, que permitirá maior capacidade, ademais do rescate das barras en interiores, inhabilitadas até o de agora en caso de risco máximo no seu municipio.

Son algunhas das claves ofrecidas polo vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, sobre o protocolo pactado co sector da hostalaría e que agora deberá ser referendado polo Comité Clínico que asesora a Xunta na reunión que manterán na tarde desta terza feira.

Obrigas e excepcións

En cada nivel rexerán unha serie de obrigas e medidas sanitarias que permitirán aos estabelecementos funcionar con independencia da situación epidemiolóxica do concello, aínda que se prevé a posibilidade de adoptar medidas conxuntas en caso de empeoramentos severos do contexto sanitario ou cando se detecten gromos asociados á hostalaría.

Quen escolla traballar baixo as condicións do nivel máximo poderán empregar as barras ou aumentar a capacidade, mentres que os estabelecementos que elixan o nivel medio verán máis limitada a súa cabida.

En todo caso, Alfonso Rueda incidiu en que "todos os locais" terán "seguridade sanitaria" con independencia do nivel ao que se acollan. Ademais, defendeu que operar dentro do baremo de seguridade máxima non conlevará desembolsos adicionais para os negocios porque "a maioría de medidas xa están implantadas".

A idea da Xunta é que o novo protocolo, no caso de que o Comité Clínico dea a súa aprobación, entre en funcionamento este mesmo mes de setembro.

Ocio nocturno

Ademais, o Executivo galego tamén avanzou que se atopa en conversacións co sector para elaborar un novo marco normativo para o lecer nocturno co horizonte de que estea listo no mes de outubro.

A posibilidade de prolongar o horario de funcionamento destes locais máis aló das 3 da madrugada está sobre a mesa, entre outras medidas, que ao igual que na hostalaría buscan alcanzar un "marco estábel" para o conxunto do sector, froito dun consenso amplo.