Entroido2018

A gran festa da risa

[Youtube] Boteiros en Vilariño de Conso

Entroido “con raíces” e entroido estándar conviven (non sempre ben) na súa eclosión actual

O denominador común das vilas e aldeas galegas de máis sona entroideira é a pervivencia nelas dalgunhas máscaras, mascaradas ou costumes carnavalescos singulares. Algo específico de cada localidade, que as dota de personalidade e dunha aureola de enxebrismo e antigüidade potenciada exponencialmente polos medios de comunicación, internet e as redes sociais. Isto é o que ocorre, por exemplo, en Laza, Maceda, Xinzo, Viana, Manzaneda, Bande ou Verín, na provincia de Ourense. Ou no val do Ulla, nas dúas beiras pontevedresa e coruñesa do río. Ou nas parroquias de Cobres, no concello pontevedrés de Vilaboa. Ou nalgunhas parroquias de Chantada, en Lugo.

 

Deste xeito, en tempos de identidades novas ou reforzadas, as carautas e os vestiarios de felos, pantallas, máscaras, cigarróns, volantes, peliqueiros ou boteiros deviron en sinais de identidade local. Algo así como modernos logotipos colectivos para delimitar un territorio festivo que é motivo de orgullo, especificidade e permanente reivindicación. Como se se lle quixese enviar ao mundo mundial a mensaxe de que en tempos de cultura popular estandarizada, pasteurizada, homoxeneizada e “empaketada” en cómodos envases comerciais, aínda somos quen de emitir discurso propio. Nin mellor nin peor que outros, pero propio.

 

Certamente, hai xenuíno Entroido ou carnaval (palabras galegas as dúas, por certo, que o galego tamén ten sinónimos) en moitas máis cidades e vilas do país que esas tan coñecidas e turistizadas, sobre todo no corazón da provincia ourensá.

 

Non é unha relixión

 

Porque auténtico é calquera entroido onde manden as máscaras, os disfraces, a xolda, a sátira, a parodia, as bromas, a liberdade creativa, a invasión das rúas, a tolemia do mundo ao revés. O entroido non é unha relixión, nin herdanza de ritual ningún, senón a gran festa da risa, que se foi configurando na baixa Idade Media por contraposición –eminentemente popular, iso si– aos rigores extremos que a Igrexa católica impoñía na etapa penitencial da coresma. Xa o deixou documentado e escrito hai anos o historiador Caro Baroja, referente mundial na materia.

 

Daquela, estes ingredientes clásicos podémolos atopar no carnaval, máis ou menos participativo, que se organiza desde Vigo ata Viveiro e desde Malpica a Monforte, nos catro recunchos de Galicia.

 

Ora ben, o Entroido, verdadeiro enigma cultural nas súas orixes, non deixa de ser “un pozo negro de residuos culturais arcaicos”, como escribiu Méndez Ferrín. A ese “pozo” viñeron parar máscaras, costumes e figuras tradicionais procedentes de antigos ou moi antigos (precristiáns nalgúns casos) rituais festivos, mais desprovistos da súa función orixinaria e reintegrados no moi rico e moi complexo universo entroideiro. Esas son, xustamente, as que singularizan certos entroidos de matriz rural.

 

Afirmar a identidade

 

A recuperación das liberdades democráticas nos anos oitenta cadrou no tempo cun fenómeno moi amplo en Europa, que deu orixe á revitalización de tradicións festivas populares practicamente esquecidas. Un proceso que algúns sociólogos vinculan coa necesidade de afirmar a propia identidade, cuestionada polo proceso da globalización e a imperante estandarización cultural.

 

Hai moito disto, sen dúbida. Pero tamén o éxito mediático e turístico dos entroidos con raíces tirou polo orgullo doutros moitos sitios onde esmorecera ou desaparecera, con ou sen máscaras únicas, como os xigantes de Entrimo, os galos da Mezquita, as bonitas de Sande (seguimos por Ourense) ou, este mesmo ano, os vexigueiros de Samede (Paderne, A Coruña). O mapa entroideiro expandiuse, non por igual, pero ancheou a súa presenza dun xeito considerable. E fíxoo, en xeral, con idénticos parámetros a como se revitalizou noutras partes da península: un carnaval urbano, de desfiles, comparsas creativas e moi elaboradas, concursos, moita música (con manifesta influencia latinoamericana) e con presenza masiva de espectadores, porque o espectáculo, a novidade, está na rúa e, ademais, sae de balde.

 

Sen dúbida, as mascaradas antigas, os costumes, xogos e bromas propios da cultura popular rural (fareladas, formigas, xogo das olas, testamentos, folións, atranques…) imprímenlle unha intensidade especial ao entroido dos lugares e vilas onde se conservan –agora reforzadas– ou onde a iniciativa popular ou municipal foi quen de as recuperar.

 

Un “herdo sentimental”

 

Dicía o escritor Antón Riveiro, referíndose ás súas propias vivencias, que o segredo do éxito do entroido no seu Xinzo natal (onde el, coma o que subscribe, tamén foi pantalla) está na transmisión dos símbolos do entroido aos nenos, que os interiorizan “coma un herdo sentimental”. Dese herdo sentimental agroma a forza das máscaras e das mascaradas, tan fotoxénicas, dos entroidos máis senlleiros de Galicia.

 

Isto non quita para que a carón desa liturxia tradicional se desenvolva tamén, neses mesmos puntos quentes, un carnaval de formato moderno. A convivencia non sempre resulta doada e xera a moitos debates locais, sobre todo a partir do momento en que a masificación rebordou o equilibrio entre nativos e visitantes. A excesiva espectacularización ou a incontrolable “botellización” son agora os principais inimigos das mascaradas tradicionais, que ven perigar a súa intimidade e o xenuíno valor para a cohesión social que teñen de seu todas as festas.

 

O entroido, como todas as festas, tamén evolucionou conforme ás condicións culturais e socioeconómicas do momento. E, como é lóxico, mantense na liña do carnaval doutras vilas e cidades europeas e latinoamericanas, que beben desa mesma tradición carnavaleira que bota ás rúas milleiros de persoas dispostas a liberar emocións, cambiar de identidade, poñer o mundo patas arriba ou entronizar por uns días os deuses da burla, da sátira e da risa.

 

[Esta peza creouse para o A FONDO especial sobre o entroido publicado xunto ao Sermos Galiza 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]