A Gentalha, culpábel de obstaculizar a vía pública por colocar unha faixa

O centro social compostelán achaca a ''motivacións políticas'' a imposición da multa, que foi rebaixada do máximo de 1.500€ que reclamaba o Concello ao mínimo fixado na ordenanza, 300€

O centro social compostelán A Gentalha do Pichel vén de ser declarada culpábel de obstaculizar a vía pública pola colocación dunha faixa hai dous anos. Porén, a multa fixada polo Concello de Santiago en xuño de 2010, de 1.500 euros, a máxima contía estabelecida na correspondente ordenanza --á que engadiron outros 300€ por exceder o horario permitido--, foi rebaixada após o xuízo á contía mínima de 300 euros.

Nun comunicado, A Gentalha manifestou o seu "pesar" pola sentenza, ao entender que supón "un precedente xudicial gravemente lesivo para o conxunto dos movementos sociais da cidade e, en xeral, do País". Atendendo á lenda da faixa, 'Na Galiza só em galego', entenden no centro social que a sanción imposta fica envolta en "motivacións políticas", e aproveitan para denunciaren unha política institucional de elaboración de ordenanzas "cada vez máis restritivas e imposíbeis de cumprir, que lonxe de seren aplicadas con ecuanimidade son utilizadas para castigaren aqueles colectivos máis activos e contestatarios coas administracións".

Na mesma liña colocaron a ameaza de feche do centro social Aturuxo, en Boiro; e a multa imposta á Fundación Artábria, en Ferrol, pola homenaxe a Carvalho Calero; alén do boicote do Concello de Vigo ao éMundial, o festival das linguas lusófonas organizado pola Agal; para alén da recentemente aprobada ordenanza de ocupación e usos da vía pública do Concello de Santiago, que contempla fianzas e multas "inaccesíbeis para calquera colectivo non subvencionado" para a utilización das prazas da cidade.

Tras coñecer a multa que deben afrontar, na Gentalha pregúntanse se haberá tamén sancións polas faixas de benvida a Bieito XVI "asinadas pola Cámara municipal", ou por aqueloutras colocadas na Praza Roxa "dilixentemente cedida polo Concello a unha empresa" con motivo da Eurocopa.