A FRUGA exixe á Xunta solucións para o sector leiteiro galego

A inoperancia do goberno galego está a afondar a grave situación padecida polo sector leiteiro galego. A FRUGA demanda unha xuntanza coa conselleira do Medio Rural e do Mar na procura de solucións.

Esta terza, a Federación Rural Galega (FRUGA) puxo máis unha vez riba da mesa a grave situación pola que está a pasar o sector leiteiro galego. O seu responsábel de sectores gandeiros, Elías Somoza, asegurou que a inoperancia da Xunta de Galiza e o desleixo amosado polo goberno do PP coa implantación de medidas contrarias aos intereses do sector, "fai que as explotacións de leite teñan máis dificultades para resistiren a difícil situación na que se atopan".

A crise sistémica que afecta ao conxunto da sociedade, séntese de maneira máis intensa no rural galego, nomeadamente no sector leiteiro. Mentres o prezo pagado aos produtores cae en picado, dos 30 céntimos/litro en 2011 aos 27 céntimos actuais, o custo dos pensos vacúns sitúase neste ano a 39 céntimos o quilo. Neste senso, @s gandeir@s ven reducidos os seus ingresos nun 10%, ao tempo que o prezo do alimento se incrementou nun 18%.

Desde a FRUGA, consideran que o goberno galego "fica de brazos cruzados" perante tal situación e mesmo paralizou numerosas iniciativas encamiñadas a mellorar a realidade económica do sector, ao longo desta lexislatura. A práctica paralización do Banco de Terras posto en marcha polo bipartito, cuxo obxectivo era aumentar a base territorial das explotacións ou a recentemente aprobada, Lei de Montes, que permite a forestación de terras agrarias, agravan unha crise endémica na produción de leite; un dos sectores produtivos do país.

Perante esta realidade, a FRUGA vén de presentar unha solicitude para se entrevistar coa conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, á fin de procurar solucións conxuntas que poñan fin á crise do sector leiteiro galego, unha realidade que desde a FRUGA aseguran, "pode chegar a ser unha lousa económica e social para Galiza".