A fiscalía da Audiencia Nacional imputa 4 veciñ@s de Xinzo por "enaltecemento do terrorismo" por un lipdub

Exhibiron fotos d@s pres@s independentistas na gravación dun vídeo musical nas rúas da vila para conmemorar os sete anos de actividade dun centro social. Trátase de persoas que non foran xulgadas aínda, para alén de que non hai ningunha sentenza firme sobre a existencia de organización terrorista na Galiza


Algunhas das imaxes que aparecen neste video musical revindicativo da lingua e da cultura do País poderían ser constitutivas de "enaltecemento do terrorismo". Polo menos así o entende a fiscalía da Audiencia Nacional española, que interesou a imputación por tal delito de catro veciñ@s de Xinzo da Limia por exhibiren fotos d@s pres@s independentistas durante a gravación dun lip dub na vila, o 31 de marzo de 2012.

Nese día, o centro social Aguilhoar realizou un video musical na rúa para festexar o seu 7º aniversario, contando coa pertinente autorización do Concello, gobernado polo PP. Por diante da cámara van pasando as pantallas do entroido, o xogo do futbolín, un meco do Apalpador, un xogador da Selección galega, a festa de mouros e cristiáns da Saínza, bandeiras do Sáhara e das nacións sen estado que conviven no Estado español, faixas en prol do galego.

Ao ritmo de Skàrnio e do seu tema Muitos povos construindo, varias persoas bailan coas fotos d@s militantes independentistas que daquela se atopaban en prisión. De todo o 'atrezzo' que aparece no video, a fiscalía da Audiencia Nacional fixouse na presenza de María Osorio, Santiago e Eduardo Vigo, Roberto R. Fialhega 'Teto', Antom Santos, José Manuel Sánchez Gorgas, Telmo Varela e Miguel Nicolás nas fotos que portaban moz@s da vila. Considera que a intención era "ensalzalos polas súas actividades terroristas" e denuncia por enaltecemento a R.S., L.L., M.B. e J.M.A.

Non hai condena por terrorismo nin hai organización terrorista

Cómpre lembrar que naquel momento tod@s @s independentistas estaban á espera de seren xulgad@s agás Santiago Vigo e J.M. Sánchez Gorgas, que quedaron en liberdade uns meses despois. Desde aquela, unicamente os sindicalistas Miguel Nicolás e Telmo Varela sentaron no banco d@s acusad@s e foron condenados a dous e catro anos de prisión por danos (Nicolás) e depósito de explosivos (Varela).

Miguel Nicolás fica xa en liberdade e Telmo Varela está en liberdade provisoria á espera de que se revolva un recurso contra esa sentenza. En liberdade provisoria está tamén María Osorio quen, ao igual que os outros tres presos que saen no video, fica aínda á espera de ser xulgada. É dicir, presos preventivos amparados pola presunción de inocencia.

Aliás, cómpre acrecentar que a día de hoxe na Galiza non existe aínda unha sentenza firme sobre a existencia dunha organización terrorista, polo que non existiría tampouco o delito de enaltecemento do terrorismo en relación a pres@s independentistas. A este respecto, a Audiencia Nacional absolveu nunha sentenza que se fixo pública esta terza feira, 5 de marzo, catro persoas acusadas de apoloxía do terrorismo por exhibiren fotos de pres@s de ETA nunha carreira en prol do euskera.

Absoltas catro persoas que exhibiron fotos de pres@s de ETA

Aplicando os dous argumentos esgrimidos anteriormente, considera que portar a foto dunha presa que aínda non foi condenada, feito que a exclúe da condición de terrorista en aplicación da presunción de inocencia, non pode constituír tal delito. Nos outros tres casos, cuxas fotos eran de membr@s condenad@s por pertenza a ETA, organización repecto á cal si que hai sentenzas firmes que a tildan de terrorista, a Audiencia Nacional non apoia a denuncia da fiscalía.

"Habemos insistir en que a acción dos acusados non foi acompañada doutras expresións que, como é notorio, van frecuentemente ligadas a concretos e determinados actos de enaltecemento do terrorismo, como son a referencia á loita e ao exemplo do terrorista de turno, a solidariedade cos delitos cometidos, as mencións á culpabilidade dos partidos gobernantes nos feitos e outras semellantes", conclúe a sentenza. A fiscalía pedía para estas catro persoas 1 ano e 3 meses de cárcere.