A fibromialxia, camiño de ser recoñecida como doenza incapacitante

A Comisión de Sanidade do Congreso apoia a proposición do BNG na que insta ao Goberno español a considerar incapacitante esta enfermidade. O 90% das persoas que a padecen son mulleres e teñen que recorrer aos tribunais para demostrar que, efectivamente, están afectadas

A Comisión de Sanidade do Congreso vén de dar luz verde á proposición da deputada do BNG Olaia Fernández Davila na que insta ao Goberno español a impulsar o recoñecemento da fibromialxia como enfermidade incapacitante. Coñecida como 'a doenza invisíbel', está asociada a unha amplificación da dor e, de xeito específico, coa contratura muscular, ademais dun esgotamento profundo. O 90% das persoas afectadas son mulleres.

Así, a parlamentaria nacionalista subliñou que en 1992 a OMS --Organización Mundial da Saúde-- recoñeceu a fibromialxia como enfermidade específica dentro dos reumatismos, e que aparece tipificada no manual de Clasificación Internacional de Enfermidades, considerada por moitas organizacións como unha doenza crónica. Pese á alta prevalencia da enfermidade, na sanidade pública "non está debidamente recoñecida", sinalou Fernández Davila, quen achegou como dato que a fibromialxia afecta á capacidade funcional de forna moderada en case a metade dos casos, e de modo severo nun 10% dos casos.

O certo é que que a cura da patoloxía resulta moi complexa, ao ter que demostrar que se padece a enfermidade, feito que provoca maior tensión e, en consecuencia, maior dor. Tal e como explicou a nacionalista, no Estado non está aínda recoñecida como doenza incapacitante, polo que as persoas afectadas teñen que recorrer á Xustiza. "Moitas sentenzas si a consideran enfermidade incapacitante, polo que sería desexábel que o Goberno español procedese tamén a este recoñecemento" para evitar que as enfermas de fibromialxia teñan que chegar aos tribunais para 'demostrar' que, efectivamente, sofren esta doenza.

Alén disto, cabe lembrar as reivindicacións das asociacións de fibromialxia, que pasan por unha atención sanitaria axeitada e unha cobertura social derivada da consideración de doenza crónica que pode chegar a invalidante. No Estado, 3 de cada 100 persoas padecen fibromialxia. Na Galiza, a Agafi --Asociación Galega de Fibromialxia-- contabiliza 1.300 persoas afectadas, con idades que van desde os 12 até os 70 anos. Non existe a día de hoxe unha cura para esta doenza, tan só tratamentos que pretenden aliviar a dor e mellorar a calidade do sono e da vida das afectadas.