A Festa da Queizán

Imaxe: cedida

A Festa foi a festa de todas. Alí estaba a Academia á que por xustiza pertence María Xosé, á que lle gusta pertencer, unha Academia Feminista, unha Academia do feminismo. O 9 de xuño foi un día dunha festa en que a felicidade, o cariño, o recoñecemento pairaba en todo momento no ambiente

Nós queriamos celebrar unha Festa, unha Festa para e con Queizán, unha idea que tivo Sabela Mouriz e que nos foi transmitindo. Xuntámonos Amanda Álvarez, Ana Romaní, Inma Rodríguez, Pilar Abreu, Anxeles Castiñeiras, Camiño Noia e fomos botando redes, de Compostela a Vigo e a Galiza toda. Espallando a idea, botando redes e gardando o segredo máis secreto. Tiña que ser unha homenaxe do feminismo galego a María Xosé Queizán, por recuperarmos as mans, por tratar das evidencias, procurar no segredo da Pedra Figueira, facer da palabra silenciada unha Festa, darlle a volta ao discurso para nos incluír, cuestionar a metáfora patriarcal, celebrar o espertar das amantes, situarse fóra, na outredade, escribir a cólera, denunciar que ten o seu punto a fresca rosa. Nós, queriamos esa Festa para Queizán, nós, que nunca abrimos a súa obra como unha flor, nós, as amigas, as irmás, queriamos recoñecer, agradecer, gozar.

 

Moito camiño andou Queizán desde aquel día en que as monxas de Cluny, coas que só estaría dous anos, a quixeron expulsar por levar no entroido un bonito vestido, tuneado do da primeira comuñón, cun escote palabra de honor, todo un escándalo; finalmente, á nena adiantada, Sisi antes de Sisi, conmutáronlle a pena por un cero en piedade, grazas á intercesión da súa nai. Laxeiro retratouna co vestido e escribiu: Para a nena máis bonita de Galicia. Moito camiño foi o que andou esta nena bonita, logo, moza existencialista convencida con pixama negro, que trouxo de París as novidades literarias que haberían de influír tanto na Nova Literatura Galega, moito foi o que aprendeu, o que se concienciou, entre a escrita e a publicación de A orella no buraco e a escrita, nunha noite de San Xoán, daquel artigo da revista Triunfo en que se preguntou “¿Por qué es barroca la literatura gallega? Pasaran dez anos e un matrimonio. Logo viría un crédito á honra concedido pola Caixa de Aforros de Vigo que lle permitiu realizar os seus estudos de Filoloxía en Compostela mentres educaba unha filla e un fillo, crédito que devolveu co seu traballo de profesora de lingua e literatura galega, co que gañou a vida. Nunca lle regalaron nada, ao feminismo tampouco.

 

O día 9 de xuño foi a Festa da Queizán e tecemos un texto polifónico e organizamos a nosa Festa, a Festa do feminismo galego. Estabamos todas, todas eramos Queizán e Queizán eramos todas: mulleres en vangarda que bailaban felices

 

Nunca lle regalaron nada nin como escritora, aínda hoxe a grande parte dos libros de texto están coxos, demasiado parcos en palabras, aínda hoxe a crítica literaria, moitas veces, non é capaz de ver a importancia que tivo a revista A festa da palabra silenciada para crear lectoras, críticas e fomentar a escrita, esa explosión feminista dos anos noventa; aínda hoxe, libros, apuntamentos para a selectividade, para as oposicións, textos repetidos en exames, considerados canónicos, subliñan a importancia de dous poemarios para a poesía dos anos oitenta e en ningún se sinala a influencia de Metáfora da metáfora publicado en 1991e, simplemente, despois deste libro xa non se escribiu igual. Gañou, como o feminismo, a pulso, o seu lugar. Fixo camiño.

O día 9 de xuño foi a Festa da Queizán e tecemos un texto polifónico e organizamos a nosa Festa, a Festa do feminismo galego. Estabamos todas, todas eramos Queizán e Queizán eramos todas: mulleres en vangarda que bailaban felices. Mulleres, con cadansúa traxectoria, con ideas diversas, con cadansúa individualidade. Unha Festa! Cada unha tivo tempo de lembrar, seguro que o fixo, cando coñeceu María Xosé Queizán, quizais tamén, momentos importantes da vida, difíciles, da obriga de tomar decisións, de dar a cara, de esixir. Todas as que estabamos na Festa tivemos, por forza, que ser mulleres esixentes, persoas esixentes con nós mesmas e coa sociedade á que fixemos tomar conciencia de moitas cousas. Todas as que estabamos na Festa, desde a interioridade das nosas casas, reivindicamos que o privado é público. Todas, desde o movemento veciñal, do movemento asociativo, das organizacións políticas, do mundo sindical, sabiamos que sen as mulleres, sen as súas voces, sen os seus discursos, sen o seu pensamento, o mundo non andaba, loitamos moito para estar aí. Todas, desde os medios de comunicación até o ensino, loitamos para introducir a voz das mulleres, a súa ollada, a súa historia. Todas, desde as nosas individualidades, cuestionamos a maneira de amar, de compartir a vida con alguén, a maternidade e eliximos, fronte a todo o imposto, tantas veces deixando a pel. Todas, desde as nosas individualidades, coas nosas contradicións, aprendemos e agora hai camiño andado, fixemos camiño. Por iso, a Festa da Queizán, foi a nosa Festa; cada unha de nós representaba a moitas outras mulleres que están facendo camiño; tamén foi a Festa das amigas, das irmás, que xa non están, por iso lembramos emocionadas e aplaudimos a Begoña Caamaño, un día unha nena pequena á que Queizán lle aprendía francés. Todas tiñamos na cabeza os nomes de quen xa non podía estar, eu lembrei Belen Feliu, Xela Arias, Luísa Villalta e Berta Cáccamo, a quen vin por derradeira vez na casa de Queizán María Xosé Queizán seguro que tamén lembrou.

 

Foi un día importante, unha manifestación de alegría e afecto e estiveron presentes os últimos actos reivindicativos do 8 de marzo (...)  . Agora creo que o 9 de xuño, esta primeira reunión, se se quere, da Academia Feminista debe ser inicio de algo novo

 

O 9 de xuño xuntámonos preto de cento cincuenta mulleres no Hotel Pazo Los Escudos de Vigo para lle dar unha festa sorpresa a María Xosé Queizán, nun acto, conducido por Tereixa Navaza e representando a todas as que estaban e ás que non estaban, falaron: Camiño Noia, Carme Panero, Bea García, María Xosé Porteiro, Pilar García Negro, Margarita Ledo, Luísa Ocampo e Teresa Barro. Navaza leu unha carta enviada por Nanina Santos, que non puido asistir por enfermidade, que sabemos vai ser un texto fundamental na historia do feminismo galego e que moito agradecemos. Recitamos poemas dos libros da autora Marica Campo, Ana Romaní, Yolanda Castaño e mais eu. Guadi Galego enviou un vídeo interpretando o poema de Xohana Torres, coñecido por “Penélope” que non seu día a autora publicara na Festa da palabra silenciada dedicado a María Xosé Queízán que é esa Penélope revolucionaria. O grupo De Vacas adaptou o popular tema “Quizás, quizás, quizás” de Osvaldo Farrés en “Queizán, Queizán, Queizán”. A actriz Marta Pérez de Inversa Teatro, relizou un teatralización dunha escena da novela Son noxento. A música estivo representada pola acordeonista Sabela Dacal como solista e como acompañante de Uxía, que cantou acompañada de María Xosé Queizán, nun dos momentos que non imos esquecer nunca, “Je ne regrette rien”.

 

"A homenaxeada recibiu como galanos un broche, pensado especialemente para ela, pola deseñadora Jose Castro, un libro coas follas en branco, en que asinamos todas, da gravadora Montse Amigo e un ramo de flores.

 

A Festa foi a festa de todas. Alí estaba a Academia á que por xustiza pertence María Xosé, á que lle gusta pertencer, unha Academia Feminista, unha academia do feminismo. O 9 de xuño foi un día dunha festa en que a felicidade, o cariño, o recoñecemento pairaba en todo momento no ambiente. Foi un día importante, unha manifestación de alegría e afecto e estiveron presentes os últimos actos reivindicativos do 8 de marzo, un certo triunfo ese camiño andado. Isto é así. Agora creo que o 9 de xuño, esta primeira reunión, se se quere, da Academia Feminista (non vou poñer galega, debe ser única no mundo con ese nome) debe ser inicio de algo novo, de algo que nos una, que nos poña a traballar todas xuntas, que nos obrigue a coordinarnos para seguir sementando feminismo. Temos a razón, a forza e a capacidade necesaria para dialogarmos entre nós e levar as nosas esixencias, as nosas reivindicacións para construír unha sociedade máis libre a onde haxa que levalas. Insisto o 9 de xuño, a Festa da Queizán, a Festa de Todas, é xa un comezo de algo. Amigas, irmás, hai festas e festas.