A falla de pago da Xunta pon en risco que @s desempregad@s en cursos formación cobren as súas bolsas

forGA denuncia que a Consellaría de Traballo e Benestar non transferiu o anticipo para iniciar os cursos deste ano.

A forGA, fundación de formación da CIG, vén de denunciar un novo atranco económico da Xunta de Galiza para o desenvolvemento dos cursos dos Planos AFD para o 2012. A día de hoxe a Consellaría de Traballo e Benestar non aboou o 25% de anticipo das subvencións dos cursos ás entidades adxudicatarias, entre elas forGA.

o goberno galego adebeda a todas as entidades que executan os programas de formación 11.250.000 euros

O anticipo ten por obxecto permitir que as entidades poidan atender, como mínimo, o pagamento das axudas e bolsas do alumnado desempregado destes cursos, de até o 75% do IPREM, segundo se recolle no DOG do 10 de xaneiro de 2012.

Porén, desde a fundación da CIG denuncian que a Xunta non transferiu nin un só euro dese anticipo, o que provoca que non dispoñan de liquidez para poder facer aboar as axudas d@s alumn@s. En total, o goberno galego adebeda a todas as entidades que executan os programas de formación 11.250.000 euros.

Para responderen a esta situación a dirección de forGA valorará proximamente diferentes accións, que van desde promover unha reclamación por parte do alumnado afectado, até emprender accións xudiciais de responsabilidade patrimonial contra o goberno galego.

Borran 12.000 alumn@s das listas do paro malia non garantirlles cobrar bolsas

Por outra banda denuncian que a Consellaría de Traballo fixo desaparecer os case 12.000 alumn@s dos cursos de AFD --que hai en toda Galiza-- das cifras do paro do pasado mes de xullo, por terse iniciado as accións formativas nas que están inscritas. Mais polo seu atraso nos pagos a Xunta non lles garante cobrar as súas bolsas o que cualifican de “despropósito”.