A eurodeputada Ana Miranda pregunta en Bruxelas polo uso de primates en laboratorios da Galiza

Acción antiespecista en Compostela
A nacionalista quere saber se a Comisión europea está a financiar métodos alternativos de experimentación en que non se usen seres vivos, para alén da elaboración de novas normativas que vaian na liña de reducir progresivamente a investigación con animais

 

A eurodeputada do BNG Ana Miranda vén de preguntar en Bruxelas pola experimentación con animais na Galiza. No concreto, e perante os catro laboratorios que no noso país aínda fan probas con primates, a nacionalista quere saber se a Comisión europea ten coñecemento de cantos seres vivos son destinados a ensaios na Galiza, se informou ao estado español sobre as implicacións deste uso dos animais e se apoia ou financia algún outro método que substitúa os animais na ciencia.

Así as cousas, aproveitou Miranda o debate aceso que no seo da UE esperta o sufrimento dos animais e a necesaria substitución dos seres vivos por métodos máis responsábeis --en moitos casos os experimentos feitos con primates rebeláronse como repetitivos e inútis, e preguntou tamén se a Comisión ten previsto impulsar ou desenvolver novas medidas con rango de lei ao redor do uso de animais na experimentación.

No seu escrito, a nacionalista referiuse á polémica acontecida en Colombia, onde un prestixioso científico foi obrigado a pechar o seu laboratorio após traficar con primates de pequeno tamaño. Ao entender de Ana Miranda, este caso "evidencia a necesidade de seguir observando sobre unha industria que busca o lucro por riba de todo", polo que pide que Galiza tamén resulte beneficiada no apoio a métodos alternativos de investigación en que non se usen seres vivos.

A Xunta financia o centro de experimentación de Lugo

Case tres millóns e medio de euros é a inversión --na súa meirande parte pública-- destinada á creación dun centro de experimentación animal no campus universitario de Lugo.

Segundo explicou no seu momento o titular da consellaría de Educación, Jesús Vázquez, nas instalacións fanse probas con seres vivos "medianos e grandes" e convertirá Galiza "nun foco de atracción para industrias farmacéuticas". O centro foi construído nas naves docentes que antes se dedicaban a gando vacún e equino no hospital veterinario universitario Rof Codina, da fundación do mesmo nome e que preside o propio Vázquez.