A Eurocámara debate sobre o impacto da minaría coa mirada posta en Corcoesto

O 15 de maio terá lugar unha xornada organizada polo BNG, en colaboración con eurodeputados do Grupo Verdes/ALE e da Esquerda Europea (GUE/NGL), coa participación de expertos, académicos, colectivos ecoloxistas e sociais, e responsábeis políticos

 

Un dos puntosde importancia desta xornada será avaliar o cumprimento da normativa da Unión Europea en proxectos de explotación mineira a ceo aberto (Corcoesto) e o uso uso de substancias altamente contaminantes, como o cianuro, para a extracción do ouro. "A actual normativa comunitaria debe ser modificada para prohibir o uso de cianuro nas explotacións mineiras, e así o defenderemos no Parlamento Europeo", avanzou parlamentar nacionalista Ana Miranda. O BNG apoia a denuncia presentada pola Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo contra o proxecto da mina de Corcoesto e a súa declaración de proxecto estratéxico por parte da Xunta.

O contido da denuncia foi avanzado polos portavoces da Plataforma que, como autores da iniciativa, explicaron as motivacións desta petición nunha rolda de prensa na que tamén participou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda. Neste sentido, o papel do BNG en Bruxelas será "dar apoio total a esta iniciativa cidadán co obxectivo claro de que os afectados podan explicar directamente este caso ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo", salientou Miranda.

Non hai beneficios sociais nin económicos

Miranda concordou cos portavoces da Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños en que o proxecto non cumpre os criterios para ser considerado estratéxico para o noso país, por canto "non vai supor unha consolidación do tecido industrial e tampouco hai garantía de creación de 250 postos de traballo, máis aló de anuncios propagandísticos sen concreción algunha", salientou.