A dereita vota contra unha moción para derrogar o decreto de privatización da Sanidade

Imaxe da mobilización a prol da Sanidade e da Educación públicas (S.G)
O BNG reclamaba no texto medidas "urxentes" para garantir a sustentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade das prestacións. Tanto @s nacionalistas como o PSOE confían en que neste mes se debata en pleno a ILP impulsada pola plataforma SOS Sanidade Pública, da que ambos partidos fan parte

Tras a multitudinaria mobilización en defensa da sanidade pública, que o 3 de xuño percorreu as rúas de Compostela convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública, o BNG levou ao Parlamento galego unha moción na que reclamou a derrogación do RD 16/2012, alén de aplicar medidas "urxentes" para garantir a sustentabilidade do sistema nacional de saúde e mellorar a calidade das prestacións.

A formación frontista, que fai parte de SOS Sanidade Pública, ao igual que o PSOE, topou co voto en contra do PP. Ao fío, a deputada Ana Luísa Bouza criticou a publicación no BOE do sábado a actualización do repagamento máximo en 2012 para os medicamentos dos grupos de aportación reducida, cun incremento do IPC paralizado desde 1995 que suporá unha contía que pasa de 2,64€ a 4,13€. "Dezasete anos de suba de golpe no IPC. Escolleron vostedes o momento para esta actualización", ironizou Bouza.

No texto da moción, @s nacionalistas defendían non introducir sistemas de reintegro nos copagamentos xa existentes, establecer un sistema compensatorio que limite o efecto do copagamento farmacéutico para pensionistas, así como estabelecer un procedemento de emisión de cartóns sanitarios do Servizo Galego de Saúde --Sergas-- para dar cobertura sanitaria pública ás persoas que ficarán excluídas desta prestación dende o 1 de setembro.

ILP de SOS Sanidade Pública
A plataforma SOS Sanidade Pública presentará unha ILP --Iniciativa Lexislativa Popular-- avalada por ao redor de 45.000 sinaturas perante o Parlamento galego, en contra dun proxecto de privatización "do que somos piloto", sinalou o voceiro do colectivo, Manuel Martín. "Aínda que non sexa unha proba científica, si que semella unha mostra de que a cidadanía galega está en contra do financiamento privado de hospitais e da privatización da saúde". As sinaturas, que foron entregadas xa na Mesa do Parlamento, abrirán a porta ao debate nun dos plenos deste mes.

Martín denunciou que o RD 16/2012 muda a Lei Xeral de Sanidade, que garante a atención sanitaria na rede de centros públicos a toda persoa que teña residencia na Galiza. A nova norma "retoma o concepto de 'aseguramento', e permite deixar fóra a persoas inmigrantes, a maiores de 26 anos que non cotizaran e ás persoas que perderon o dereito por non ter cotizado". Alén disto, valorou o voceiro de SOS Sanidade Pública que o modelo de Sanidade proposto en Madrid "supón un golpe ás autonomías para decidir sobre os seus servizos de saúde".

Malia ao convencemento de que tampouco a ILP recibirá o visto e prace d@s conservador@s, tanto PSOE como BNG confían en que si que permitan o seu debate, e que o fagan neste mes. De producirse un adiantamento dos comicios, o pleno do Parlamento non volvería reunirse até o outono. Así, a voceira do PSOE en materia sanitaria, Carmen Acuña, apelou á "actitude democrática" do PP, confiando en que "non terán ningún problema en por esta iniciativa riba da mesa". Pola súa banda, Ana Luísa Bouza, vaticinou o resultado da votación, mais lembrou que o obxectivo é a divulgación "e un exercicio de democracia para que o PP non poida dicir que ten o apoio da cidadanía para tomar as medidas que toma".