A Deputación de Pontevedra gasta máis de 3 mil euros en se publicitar nunha guía taurina

Galiza mellor sen touradas denuncia o financiamento encuberto desta actividade que "non ten interese social" e cuxo apoio responde a "evidentes criterios de proximidade ideolóxica" do PP coa tauromaquia

A Deputación de Pontevedra resolveu, na súa última Xunta de Goberno, derivar unha partida orzamentaria por valor de 3.630 euros destinada á inserción de publicidade no Anuario e na Guía taurinas. Segundo denuncia a plataforma abolicionista Galiza mellor sen touradas, o goberno de Rafael Louzán (PP) seguiu o procedemento negociado sen publicidade para destinar tal montante de diñeiro a publicitarse nestas publicacións "e para burlar a fiscalización do diñeiro público".

Considera o colectivo cidadán que a escolla de Louzán "non ten interese social" e ficou rexida "por evidentes criterios de proximidade ideolóxica sobre a tauromaquia". Por tanto, tildan de "infamia" derivar máis de tres mil euros a tal propaganda "cando cada vez máis familias sofren os efectos dos recortes nos eidos social, sanitario e educativo".

Galiza mellor sen touradas denuncia que a Deputación vén destinando nos últimos anos "subvencións de participación cidadá a unha peña taurina" para a realización de conferencias na cidade de Pontevedra "onde fai apoloxía da violencia contra os animais como espectáculo". En 2011, Louzán aprobou unha partida que excedía dos mil euros para un ciclo de conferencias da peña Gin-Kas, sempre segundo os datos facilitados polo colectivo abolicionista. Quéixanse tamén de que o Goberno provincial aparece como entidade colaboradora da Coordinadora de peñas taurinas, que recibe subvencións a través de procedementos negociados sen publicidade.