"A Ría é nosa e non de celulosas"

A exixencia de que Ence e Elnosa marchen da Ría volve resoar con forza en Pontevedra

A manifestación anual contra celulosas exixíu a derrogación da prórroga a Ence, a caducidade de Elnosa e e para a “eucaliptización” de Galiza.

Un ano máis Pontevedra volveu a acoller un clamor a favor da fin de Ence e Elnosa na Ría. Centos de persoas tomaron parte na manifestación convocada pola APDR e que saíu das alameas marinense e pontevedresa para confluír nunha marcha unitaria contra as celusosas. “Debaixo da fábrica están as praias”, o lema da mobilización, unha chiscadela ao Maio do 68 e tamén todo un recordatorio: onde hoxe se asentan Ence e Elnosa había antes praias, coa súa riqueza produtiva, ambiental e social.

Os e as manifestantes reclaman a derrogación da prórroga de Ence. Unha prórroga concedida polo goberno de PP de Mariano Rajoy cando estaba en funcións e que dá á pasteira vida en Lourizán até 2073. O cambio de goberno español leva a que desde diferentes institucións (como o Concello) e colectivos se demande ao novo executivo que derrogue esa prórroga.

 

Marcha especial

 

Os convocantes afirman que “concorren este ano circunstancias que fan especial esta Marcha; dunha banda, o cambio de goberno en Madrid deixa nas mans do PSOE a decisión de decretar xa a caducidade da concesión de Elnosa e a busca das vías que permitan anular a indecente prórroga de 60 anos concedida polo PP a Ence”.

 

A fin de Elnosa na Ría e a denuncia da “eucaliptización” do país da man dos intereses de Ence foron outras das denuncias na marcha, que decorreu en todo momento nun ambiente no que a reivindicación e a fsta ía da man. “A Ría non se vende”, “Fóra celulosas de Pontevedra” ou “Celulosas nunca máis” foron algunhas das palabras de orde coreadas durante a marcha, na que ademais de pontevedreses tamén participou xente procedente doutras comarcas do país.

 

“Dificultade engadida”

 

“A nosa loita ten unha dificultade engadida; estamos a loitar contra dúas empresas asentadas na nosa Ría hai xa máis de cinco décadas, contra dúas empresas que contan con importantes apoios políticos e mediáticos”, lembraron os convocantes da marcha no manifesto que se leu ao acabar a mobilización.