A Covid consolida o seu descenso: os casos activos baixan de 5.000 e diminúe a presión hospitalaria

Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os novos positivos soben lixeiramente a respecto do último día mais sitúanse moi por debaixo dos declarados hai unha semana.

Galiza avanza no descenso da Covid. A situación epidemiolóxica segue a mellorar segundo reflicte o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade.

Baixan os casos activos e diminúe a presión hospitalaria, nomeadamente nas unidades de coidados intensivos, que contan con seis doentes menos ingresados. Con todo, nos hospitais galegos hai 160 pacientes cunha PCR positiva. Destes, 117 recupéranse en planta, tres menos, e 43, en unidades de críticos.

Por áreas sanitarias, A Coruña conta 14 doentes en UCI; Ourense, oito; Vigo, sete; Ferrol cinco; Pontevedra, catro; outros tantos en Lugo e Santiago, un.

Contaxios e casos activos

Mellora a taxa de hospitalización por mor do coronavirus e baixan os casos activos. As altas de pacientes con Covid seguen a superar por moito os novos positivos detectados polos Servizos do Sergas.

Nas últimas 24 horas, Sanidade informa de 176 novos contaxios, 26 por riba dos rexistrados un día antes pero 158 por baixo dos notificados hai unha semana.

Por áreas, na da Coruña detectáronse 59 casos; na de Santiago, 26; na área de Vigo, 34; na de Lugo, 21; na de Ourense, 19; na área de Pontevedra, 14, e na de Ferrol, tres novos positivos.

Os casos activos caen por baixo das 5.000. Hai 4.793 persoas coa infección por Covid activa. Onde máis, na área sanitaria da Coruña, con 1.225 doentes; seguida da de Lugo, con 950; Santiago, con 873; Vigo, con 702; Ourense, con 512 casos; Pontevedra, con 301, e Ferrol, con 230.

Falecementos 

Desde o iniciou da pandemia, superaron a enfermidade en Galicia un total de 173.236 persoas, das que 557 recibiron o alta epidemiolóxica nas últimas horas.

O número de persoas falecidas con Covid ascende a 2.592, tras notificar Sanidade a morte dun home de 68 anos no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago mais doutro home de 89 anos e dunha muller de 70 no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.