Galiza supera 78% da poboación vacinada mentres segue a reducir a incidencia da Covid

Persoal sanitario administra unha dose da vacina contra a Covid (Foto: Alberto Ortega / Europa Press).
Caen os contaxios, baixa a presión hospitalarias e diminúen os casos activos ao tempo que avanza a campaña de vacinación co obxectivo de alcanzar 100% da poboación nova mais dos maiores que perderon a súa vez.

Os datos facilitados pola Consellaría de Sanidade confirman a tendencia á baixa da Covid na Galiza. O número de novos contaxios sitúase en 156, cando hai xusto un mes, o 7 de agosto, o número de novos positivos superaba o millar.

Por áreas sanitarias, as cifras de contaxios melloran en todas salvo nas da Coruña, Vigo e Santiago, que rexistran lixeiros incrementos. Así, do total de novos casos declarados, 48 corresponden á Coruña, 35 a Santiago, 20 a Vigo, 25 a Lugo, 16 a Ourense, oito a Pontevedra e catro a Ferrol.

O número de casos activos sitúase en 5.556, o que supón 292 casos menos que os notificados un día antes. Por áreas, o maior número de persoas enfermas está na da Coruña, con 1.400 casos (57 menos), seguida de Lugo, con 1.140 casos (81 menos); Santiago, con 1.020 (27 menos); Vigo, con 820 casos (38 menos); Ourense, con 557 (29 menos); Pontevedra, con 327 infeccións activas (31 menos), e Ferrol con 292 (29 menos).

Presión hospitalaria

Polo que respecta á presión hospitalaria, nas últimas horas descendeu o número de camas ocupadas nos hospitais galegos. Así, hai 144 doentes en unidades convencionais de hospitalización, nove menos que hai un día, e outros 46 en unidades de coidados críticos, dous menos: 13 na área da Coruña, oito na de Ourense, seis na área de Vigo, outros tantos na de Ferrol, cinco na área de Pontevedra, catro na de Lugo e outros tantos na de Santiago.

Falecementos

Desde o inicio da pandemia faleceron con Covid un total de 2.590 persoas. Os últimos decesos comunicados polo Sergas son os dunha muller de 83 anos que morreu no Hospital Vithas de Vigo, un home de 86 anos que faleceu no Complexo Hospitalario de Ferrol, unha muller de 96 anos que estaba ingresada no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, dous homes de 77 e 92 anos que estaban ingresados no Complexo Hospitalario da Coruña e un home de 91 anos de idade que faleceu no Complexo Hospitalario de Ourense.

Vacinación

Mentres, o Servizo Galego de saúde avanza na vacinación completa de persoas pendentes da segunda dose contra o coronavirus. Así, segundo o último balance facilitado por Sanidade, 78,2% da poboación total da Galiza (86% da pobaoción diana) xa está inmunizada fronte á Covid e 84,1% (92,5% da poboación diana) conta con polo menos unha dose.

O Sergas vén de recibir perto de 95.000 novas doses que elevan o total a 4.336.979, das cales se administraron xa 4.177.971, é dicir, o 96,33%.

Por grupos de idade, un total de 1.652.291 galegos de máis de 40 anos recibiron polo menos unha picada, o que supón 96,06%.

No colectivo de 30 a 39 anos, vacináronse 263.798 pacientes, un 81,6%. Outros 191.659 mozos de entre 20 e 29 anos tamén recibiron, como mínimo, a primeira inxección, o que representa o 83% da poboación diana. Entre os máis mozos, de menos de 19 anos, foron vacinados 164.937 persoas.

Incidencia por grupo de idade

Constitúen o grupo obxectivo na fase actual da campaña a canda todas as persoas que perderon a súa vez e buscan inmunidade fronte ao coronavirus.

Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, a poboación galega de entre 12 e 19 anos asume neste momento a maior incidencia da Covid con 487 casos por 100.000 habitantes seguida da de entre 20 e 29 anos con 412 casos.

A menor incidencia por grupos de idade sitúase entre as persoas de 60 e 79 anos cunha media de 92 casos por 100.000 habitantes.