A moderación da incidencia da Covid aínda non alcanza os hospitais galegos

Un garda de seguridade vixía o acceso a un punto de tests de antíxenos (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
Os casos activos baixan a 12.730, con descensos en todas as áreas, agás Lugo. Os novos positivos rexistran unha lixeira repunta.

Segundo o último balance da Consellaría de Sanidade os contaxios de Covid-19 na Galiza aumentaron a respecto da última actualización. Os novos positivos rexistrados aumentaron en todas áreas nasitarias, especialmente na de Vigo, onde os casos novos detectados son máis do dobre que os do día anterior.

Así, nas últimas horas rexistráronse en 597 contaxios, 125 menos que o mesmo día da semana anterior. Do total, Vigo sumou 143; A Coruña, 139; Lugo, 98; Santiago, 77; Pontevedra, 55; Ourense, 48, e Ferrol, 37.

Casos activos

Porén, o número de casos activos descendeu no cómputo global, e tan só a área de Lugo rexistrou un leve ascenso. A área con máis infeccións activas é A Coruña, con 4.029, seguda da de Vigo con 3.134 casos; Lugo, con 1.344; Pontevedra, con 1.295; Santiago, con 1.259; Ferrol, con 878, e Ourense, con 791 casos.

Presión hospitalaria

Con respecto á presión hospitalaria, nas últimas 24 horas non se produciron grandes variacións. Así, os hospitais galegos manteñen 63 persoas ingresadas en Unidades de Coidados Intensivos: 21 na Coruña, 10 en Vigo (+2 ), 10 en Ferrol (+1), sete en Lugo (-1), seis en Ourense (-1), cinco en Santiago, e catro en Pontevedra (-1).

Nas unidades convencionais de hospitalización hai 259 persoas ingresadas, o que supón catro menos que a xornada anterior.

Incidencia e taxa de positividade

A incidencia acumulada mellora en todas as áreas sanitarias salvo na de Lugo, que rexistra un incremento leve a sete e 14 días. A mellora afecta ao conxunto do territorio. A 14 días, a incidencia da Galiza é de 407 casos por 100.000 habitantes e de 168 a sete días. Só A Coruña, Vigo e Ferrol se sitúan por riba da media galega. Pola contra, Ourense amosa os datos máis positivos. Baixa dos 100 casos a sete días, ao igual que Santiago, e suma 231 a 14 días fronte aos 246 da área de Compostela e O Salnés.

Ademais, os distritos de Ourense, Verín e Valdeorras son os primeiros en baixar do limiar de 5% de positividade fixado pola OMS para dar por controlada a pandemia. A media galega nos últimos sete días itúase na contorna de 11% mentres que a área da Coruña e Cee mantén a taxa máis alta, dun 14%.

Falecementos

Desde que empezou a pandemia faleceron 2.524 persoas tras notificar Sanidade seis novos decesos:  un home de 94 anos que estaba ingresado no CHUF; dúas mulleres, de 83 e 92 anos, ingresadas no HULA; un home de 82 anos e unha muller de 89 anos, ambos ingresados no CHUAC; e un home de 56 anos hospitalizado no CHUVI.