A Covid na Galiza: baixan os positivos en todas as áreas e mantense a presión hospitalaria

Cribado entre a poboación máis nova con tests de antíxenos. (Foto: Xunta da Galiza).
O colectivo de entre 20 e 29 anos segue a soportar a incidencia máis alta a 14 días, con 1.621 casos por 100.000 habitantes, seguido dos de 12 a 19, con 1.554 casos. Con todo, os rexistros confirman unha tendencia á baixa.

Galiza mantense por segunda xornada consecutiva por baixo do milleiro de contaxios de Covid-19 tras reducirse a 781, uns 30 menos que o día anterior. Tamén descenden as infeccións activas en máis de 300 até as 16.471. pola súa banda, os pacientes hospitalizados aumentan lixeiramente a 345, catro máis que o último día.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade esta terza feira con rexistros de até as 18 horas da segunda, as persoas ingresadas pola Covid en UCI descenden a 54 -unha menos- e as hospitalizadas noutras unidades aumentan a 291 -cinco máis-. Pola súa banda, 16.126 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria cae nas de Ferrol e Santiago, aumenta lixeiramente nas de Ourense, Vigo, Lugo e Pontevedra e mantense na da Coruña.

Menos casos activos

Os casos activos de Covid manteñen a tendencia descendente por quinta xornada consecutiva e baixan 16.471, o que supón 353 menos que o día anterior. Con respecto a hai unha semana, Galiza conta con 2.300 casos menos que os 18.771 rexistrados o pasado 3 de agosto.

Por áreas sanitarias, a redución de casos activos afecta ao conxunto do territorio. Todas as áreas anotan dencensos tras se sumar a da Coruña (-20) ao ritmo minguante do resto: Lugo (-80), Pontevedra (-80), Vigo (-72), Santiago (-51), Ourense (-41) e Ferrol (-9).

Con todo, A Coruña continúa á cabeza con máis infeccións activas, con 4.599, seguida da de Vigo, con 4.026; Pontevedra, con 2.029; Lugo, con 1.834; Santiago, con 1.753; Ourense, con 1.234, e Ferrol, con 996.

Contaxios e incidencia, en descenso

Os novos contaxios de Covid-19 tamén se manteñen por segunda xornada consecutiva por baixo do milleiro. O Sergas anota 781 novos positivos diarios que elevan o total desde o inicio da pandemia na Galiza a 166.768.

O descenso global da curva de contaxios reflíctese na incidencia acumulada, que comeza a moderar os seus rexistros até situarse, segundo o último balance do Ministerio de Sanidade en 559 casos por 100.000 habitantes a 14 días e 244 a sete días.

O mesmo reflexo obsérvase no impacto da pandemia por grupos de idade. O colectivo de entre 20 e 29 anos segue a soportar a incidencia máis alta a 14 días, con 1.621 casos por 100.000 habitantes seguido dos de 12 a 19 con 1.554; das máis altas do Estado, pero fóra xa do primeiro posto.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galicia aumentan a 2.494 despois de notificar Sanidade outro óbito, unha muller duns 89 anos  ingresada no Complexo Hospitalario de Ourense.