Preséntase o 'lobby' dos hospitais privados en presenza da conselleira de Sanidade

Rocío Mosquera e boa parte da súa equipa asistiron ao acto de presentación da Asociación de hospitais privados de Galiza. Xa lle reclamaron ''convenios estábeis'' co Sergas para reducir as listas e os tempos de agarda. Estes últimos soben até os 80 días se se toman en conta no cálculo os seis meses que carrexa xustamente a empresa sanitaria Povisa

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e boa parte da súa equipa fixeron parte do acto de presentación da Asociación de hospitais privados de Galiza, presentada oficialmente hai un día e que xa emitiu un comunicado para reclamar "convenios estábeis" co departamento que dirixe Mosquera. O obxectivo, din, aliviar a actividade do Sergas, cifrando en 482 millóns ao ano o aforro que a privada supón para as contas da sanidade pública.

Tal e como publicamos recentemente, nos últimos tres anos as políticas aplicadas polo PP na Galiza en materia sanitaria dirixíronse cara a un obxectivo fundamental: desmantelar o sistema público. Para Manuel Martín, voceiro da Plataforma SOS sanidade pública, a folla de ruta que seguiron é clara: "potenciar o aseguramento privado e deixar en mans privadas a prestación de servizos que até o de agora eran públicos". O resultado: 3.600 persoas que se sumaron a unha listaxe para seren operadas, até completar @s 40 mil pacientes en lista de agarda.

Os seis meses de agarda na empresa sanitaria Povisa soben a media até os 80 días
Segundo considerou o presidente da nova asociación, Justo Jorge, a redución destas listas, e dos tempos de agarda, pasa pola sinatura de acordos entre o Sergas e os hospitais privados. No programa electoral que o levou á Xunta en 2009, Alberto Núñez Feijóo comprometérase a rebaixar os tempos, mais estes aumentaron dos 70 aos 80 días unha vez sumados os máis de seis meses de agarda que carrexa o hospital vigués Povisa. É privado, mais consulta ao redor de 100 mil persoas en virtude dun concerto coa Xunta.

Así as cousas, a sanidade privada xa lle manifestou á cara as súas preferencias a Rocío Mosquera: atender nos seus centros todas as persoas que sufrisen un accidente de tráfico, enferm@s crónicas e pacientes sociosanitari@s, isto é, persoas que se atopen en situación de dependencia, desde idos@s até a diversidade funcional.