A clase obreira galega conmemorou o 10 de marzo polas rúas do país

Manifestación polas rúas de Lugo
A defensa dos dereitos sociais, laborais e nacionais centraron as mobilizacións convocadas polas centrais sindicais.

 

Corenta e un anos pasaron desde o asasinato de Amador e Daniel nunha mobilización en prol do convenio colectivo no estaleiro de Bazán. Corría o ano 1972. Hoxe, coma cada 10 de marzo, a súa lembranza percorreu as rúas da Galiza na defensa dos dereitos laborais e sociais da clase traballadora galega.

Ao berro de "Amador, Daniel a loita continúa!" centos de traballadoras e traballadores saíron a se mobilizaren perante a "pobreza e o desemprego" que deveñen das políticas neoliberais implementadas polos Gobernos galego e español. A taxa de desemprego que deixa tras de si a máis de 30.000 traballadoras e traballadores neste ano ou as consecuencias da aplicación da reforma laboral --que podería rachar con máis de 250 connvenios colectivos que afectarían a máis de 400.000 traballadoras e traballadores-- foron algúns dos eixos arredor dos que xirou a convocatoria deste 10 de marzo.

"Temos que reivindicar a defensa do dereito á soberanía das nacións fronte as oligarquías financeiras"

"Non faltan cartos", entoaban @s manifestantes, "sobran ladróns". A sombra da corrupción que paira sobre o Partido Popular, quer na Galiza ou o Estado español, ecoou nas mobilizacións que decorreron nas setes cidades galegas."Produce noxo" ver como "se enriquecen os que fan políticas en favor da Banca e das grandes empresas" mentres condenan " a millóns de perosas á indixencia", denunciaron polas rúas do país centos de traballadoras e traballadores.

 Mais tamén, clamaron polo dereito á soberanía nacional galega como ferramenta fronte á crise. “Temos que reivindicar a defensa do dereito á soberanía das nacións, dos pobos", aseguraron desde a Conferencia Intersindical Galega (CIG) na procura de "termos realmente institucións políticas con competencias, institucións ás que poidamos presionar e sobre as que poidamos decidir" á fin de pular polos "intereses das maiorías sociais" e non, sentenzan, "dunha minoría" representada nas "oligarquías financeiras", receptoras de inxentes fondos públicos fronte os recortes en ensino, sanidade e políticas sociais. 

"Após cinco anos de crise", denunciaron os secretarios xerais das organizacións galegas de CCOO e UGT desde Ferrol, "o único que medra dentro e fóra de Europa é a desigualdade, o desemprego, a miseria, a exclusión social e o descrédito dos dirixentes políticos" polo que urxe, aseguraron, "que se lle devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo das persoas".

 

"Urxe que se lle devolva á política a súa condición de ferramenta ao servizo das persoas"

"Contra o paro, loita obreira"
As taxas de desemprego, nomeadamente o xuvenil que afecta a metade da mocidade galega, reflicten --aseguran os sindicatos-- “que as reformas laborais non son a solución para a creación de emprego, todo o contrario”. Abocad@s a emigraren milleiros de moz@s abandonan o país na procura dun posto de traballo.

Desde os sindicatos alertan das consecuencias económicas da destrución de emprego e da saída de traballador@s cara á outras formacións sociais. O goberno "sabe que deprimir a economía empobrecendo a clase treballadora" minguando os seus dereitos e prestacións públicas "está deixando unha Galiza indefensa", salientaron desde a CIG.

"A clase traballadora é a que activa a economía", destacan.