A CIG-Saúde sae á rúa en Compostela en defensa dunha Atención Primaria "igualitaria e accesíbel"

Concentración da CIG-Saúde na compostelá praza de Pratería (Foto: Arxina).
"Estamos a ver serios problemas de saúde mental e a psicoloxía clínica e os seus recursos non están posta é valor, non resulta accesíbel", lamentou o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González.

A Federación de Saúde da Confederación Intersindical Galega (CIG-Saúde) concentrouse este sábado en Santiago de Compostela para "deixar claro que é posíbel e realista" un modelo de Atención Primaria que responda ás necesidades tanto de pacientes como de profesionais, "igualitario e accesíbel".

Fronte á Catedral, na compostelá Praza de Praterías, ao redor dun centenar de persoas manifestouse coreando consignas como 'traballar e traballar sen descansar' ou 'onde están vos nosos dereitos?', mentres que con outras interpelaban directamente ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña: 'Conselleiro, escoita, a atención primaria está en loita'.

O secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel González Moreira, defendeu que podería existir un modelo que "respondese ás necesidades da cidadanía, que demanda equidade na accesibilidade".

"Unha Atención Primaria á que todos podamos acceder en condicións de igualdade e non con diferenzas entre o ámbito rural e o urbano", sinalou.

Un servizo, continuou, que dea resposta tamén ao que piden os profesionais, "onde os equipos poidan atender con calidade e con tempo, con dignidade tamén nas áreas administrativas, cos recursos necesarios e a estrutura que permita garantir a súa confidencialidade".

Considera Moreira ademais que é necesario incorporar novos profesionais e puxo como exemplo a psicoloxía clínica.

"Estamos a ver serios problemas de saúde mental e a psicoloxía clínica e os seus recursos non están posta é valor, non resulta accesíbel", lamentou.

Nesta liña tamén mencionou o apropiado de reforzar os equipos de fisioterapia. "Cantos problemas evitariamos se non tivésemos que dar medicación para tratar os problemas osteomusculares que cunha adecuada atención fisioterpéutica poderían mellorar", sinalou.

Así, o que exixen ao Sergas desde o sindicato nacionalista é que "dea os pasos necesarios" para conseguir o servizo que solicitan. "E os pasos comezan por ter unha xerencia de atención primaria propia que xestione os recursos humanos, un orzamento propio que ten que camiñar cara a ese 25% que din os organismos internacionais que necesita a Atención Primaria e que ademais se dote ao servizo de profesionais", demandou.