CIG-Ensino reclama que Educación evite as discrepancias na xestión das incidencias pola vacinación nos centros

.
O sindicato pide que Administración "respecte o criterio da dirección do centro".

A CIG-Ensino demanda a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos que “autorice ás direccións a que adopten as medidas oportunas para xestionar a apertura ou peche, total ou parcial, dos centros docentes en función das incidencias que pode provocar un chamamento para vacinación do profesorado do centro que afecte ao correcto funcionamento da actividade lectiva”.

O sindicato cualifica de “pésimo” o arranque da campaña de vacinación pola “falta de coordinación entre Sanidade e Educación” e considera necesario que “no desenvolvemento do resto da campaña se reduzan ao mínimo as incidencias”.

A CIG-Ensino tivo coñecemento de decisións “absolutamente contraditorias por parte da Inspección Educativa cando desde as direccións de varios centros se lle trasladou a incidencia que provocaba que a maioría dun claustro se tivese que vacinar nunha mesma mañá”. Segundo apunta, “Nalgúns casos actuouse correctamente, respectando a proposta da dirección de suspender a actividade lectiva mentres que noutros se ordenou expresamente que o centro quedase aberto malia non contar co persoal docente necesario”.

Ante esta situación, o sindicato pide a Administración que “respecte o criterio da dirección do centro, que é quen mellor coñece a situación que se provoca”, permitindo eliminar un trámite –a autorización da Xefatura Territorial a través da Inspección– que implica ralentizar a toma de decisións e provoca, como denuncia a CIG-Ensino, “actuacións contraditorias e discriminatorias, ao tempo que envía unha mensaxe de desconfianza nas direccións que non pode ser aceptada”.

 

Queixas do profesorado

Como xa informaba onte este xornal, o profesorado tamén expón a desorganización que está a existir na vacinación desde colectivo.

Un profesor de Educación Primaria que traballa nun centro de ensino público divulgaba o seu testemuño no que explicaba que “no meu colexio, de 17 docentes, son convocados 15 á quinta feira ás 17 horas para a sexta feira pola mañá para nos vacinar entre as 10 e as 13 horas” a 32 quilómetros de distancia do centro de ensino.

Outra profesora de Educación Infantil doutro centro público sinalaba, en declaracións a Nós Diario, que recibiu a terza feira, día 23 de febreiro, unha SMS do Sergas ás 20.14 minutos para estar no Hospital Montecelo de Pontevedra ás 8.48 horas do día seguinte.