A CIG-Ensino concentrouse en defensa do profesorado interino e substituto

Concentración da CIG-Ensino diante da Consellaría
O sindicato nacionalista anunciou que non asinará a addenda sobre o acceso á listaxe de profesorado interino. O seu secretario nacional, Anxo Louzao, fala de "fábrica de parados".

 

A poucos metros do despacho de Jesús Vázquez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ducias de manifestantes convocados pola CIG-Ensino protestaban contra a precariedade do profesorado interino e substituto. Tras unha faixa co lema "traballo para o profesorado interino e substituto" e acompañados por músicos, amosaban a súa indignación face a última decisión da Xunta verbo do criterio para acceder ás listaxes de profesorado.

Para o sindicato nacionalista, é "inaceptábel que a Consellaría pretenda modificar só este procedemento, sen considerar a restitución do pagamento no verán ao profesorado substituto e sen pretender ningunha negociación para acadar un acordo de estabilidade".

"Desde o 2009 temos unha fábrica de parados, con 3.000 docentes menos se sumamos os despidos e as prazas que se deixaron de convocar"

A situación empeorou

A CIG-Ensino vén de denunciar que a situación do profesorado interino empeorou nos últimos anos. Para o sindicato nacionalista, o acordo de colaboración de 1995, coas seguintes addendas, non serviu para dar estabilidade a este profesorado. Denuncian que a día de hoxe a inestabilidade e precariedade do colectivo "é absoluta". Como exemplo poñen a profesor@s dalgunhas especialidades que após moitos anos como interinos "agora están facendo contratos de substitucións ou non traballan". É o caso do profesorado de Filosofía, Debuxo, Latín, Educación Física e lingua onde o 50% non obtivo destino.

Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, asegura que agora o profesorado interino "non sabe o que lle vai pasar o curso vindeiro, se ten a sorte de ser interino porque igual pasou a ser substituto e está no paro". O sindicalista lembrou que nos orzamentos de 2013 aparecen 312 prazas menos "e haberá que asumir as xubilacións que se produzan".

Para a CIG-Ensino as cifras son de auténtico escándalo. "Desde o 2009 temos unha fábrica de parados, con 3.000 docentes menos se sumamos os despidos e as prazas que se deixaron de convocar", asegura o seu secretario nacional. As consecuencias para o ensino, segundo Louzao, son "o deterioro na calidade do servizo público, ao non se cobriren ben as baixas e ao se producir un incremento no horario do profesorado. Destarte, non se atenden as necesidades educactivas especiais nin se pode realizar un reforzo educativo se se precisa aínda que os centros demanden profesorado".

Os recortes

"Estamos diante dun deterioro laboral dun servizo público fundamental", asegura Anxo Louzao, "non é cuestión de diñeiro, facémoslle as contas á Consellaría de Educación se quer". Para defender esta idea. sinala que os orzamentos da Consellaría reducíronse un 32% desde 2009, "mais destinan 240 millóns de euros ao ensino privado e concertado, deles 3 millóns de euros son para centros que segregan por cuestión de xénero". O sindicalista asegura que "con outra distribución falaríamos doutra situación no ensino público". Ten claro que "é un problema de prioridades e o PP,  por puro neoliberalismo, opta por "desmantelar os servizos públicos"