CIG denuncia abusivas quendas de traballo nos Servizos Sociais

Sede da Xunta da Galiza en Compostela (Foto: Nós Diario).

O sindicato critica o establecemento unilateral de xornadas que poden ser de 38 horas e 15 días ininterrompidos no persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dependente da Consellería de Política Social.

O persoal de Servizos Sociais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dependente da Consellería de Política Social, denuncia a través do sindicato CIG-Administración Autonómica que “ao longo da maña do mércores 25, e por medio de avisos por WhatsApp e ameazas da directora de area en chamada telefónica”, as direccións modificaron as condicións laborais ás traballadoras.

Entre os cambios están o aumento de quendas de até 24 ou 38 horas de xornada e ata 15 días continuados, e cambio de centro de traballo públicos ou integrados dun día para outro.

Desde a CIG afirman “entender” que a función destas traballadoras e traballadores é “vital e importantísima dada a crise sanitaria polo COVID 19 e o caos nas residencias de maiores”, mais pensan que iso “non pode conducir ao abuso”.

Segundo o sindicato, a “improvisación” é “de tal magnitude” que ante a negativa dalgunha traballadora a presentarse na tarde de onte a traballar noutro centro, “do que se lle informou dúas horas antes e sen coñecer as condicións laborais”, a Xerencia do Consorcio respondeu cunha instrución por escrito “coa ameaza de que, de non facelo, pode ter consecuencias penais”.

Nin a CIG, como representación sindical da maioría do persoal, nin os comités de empresa nin o comité intercentros, declaran ter constancia "oficial" desta situación, que cualifican de “esperpéntica”.

Por iso denuncian que “o estado de alarma non é escusa para pasarse toda a lexislación laboral e de prevención de riscos laborais polo forro”, e exixen a “negociación urxente das condicións que vai ter o persoal”, sen que se modifiquen de xeito unilateral as condicións reflectidas no convenio.