Social

A CIG denuncia que a Xunta "aínda non tomou ningunha medida" para protexer as súas traballadoras do coronavirus

Edificio central da Xunta en San Caetano, en Compostela (Xunta).
O sector de Autonómica da CIG-Administración asegura que pediu en varias ocasións que se convoquen os comités de Seguridade e Saúde laboral cunha resposta "completamente dilatoria".

A CIG denuncia o "caos" e a "improvisación" que se están a vivir nos edificios administrativos e os centros de atención social da Administración galega resultado dunha resposta "completamente dilatoria" da Xunta da Galiza ás "múltiples solicitudes" do sindicato para que se convoquen os comités de Seguridade e Saúde laboral.

O sector de Autonómica da CIG-Administración asegura que o pasado 5 de marzo solicitou a convocatoria do Comité de Seguridade e Saúde Laboral de Intercentros para acordar a implantación de medidas de prevención de riscos diante da infección do COVID 19 no ámbito laboral da Xunta de Galiza. "A resposta foi convocarnos para o día 17 de marzo como un punto máis da orde do día da xuntanza ordinaria", explican nun comunicado.

Ante a evolución da epidemia nos últimos días e as medidas adoptadas o día 9 polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, do que forman parte o Ministerio de Sanidade e os gobernos dos diferentes territorios do Estado, e para salvagardar a saúde dos traballadores e traballadoras da Xunta, a CIG reiterou a pasada segunda feira por escrito "a necesidade de tomar medidas urxentes". "E aínda así, a día 12, continúase na mesma situación e a Xunta segue sen actuar", critican.

"Nestas alturas, a Xunta non implantou medidas específicas de protección fronte este virus infeccioso nos centros de traballo", salientan desde a CIG-Autonómica, que denuncia especificamente "a falla de batas, mascarillas de protección adecuada fronte este risco biolóxico, protección ocular e luvas que cumpran a normativa para este tipo de infeccións". Sinalan que, por exemplo, na residencia de maiores Volta do Castro en Santiago de Compostela estanse a facer ocos para posíbeis persoas infectadas, mentres o persoal non ten a mínima información nin material para a prevención do contaxio.

Para a CIG débese "estremar xa a limpeza e desinfección en todos os centros de traballo, unha medida para a que é urxente a contratación de persoal de reforzo e limpeza".

O sindicato fai fincapé en que "nin sequera no edificio administrativo de San Caetano, en servizos centrais, se estabeleceu un protocolo de limpeza específico, non se instalaron dispensadores desinfectantes, non se separou ao persoal sensíbel da atención o público e non se deu ningún tipo de instrución nos rexistros". Neste senso, lembran que as medidas organizativas e materiais pola Lei de Prevención de Riscos Laborais son previas aos equipamentos de protección individuais (EPIS). "Esta falla de medidas é extensiva a todos os centros da Xunta de Galiza: hai preto de 30.000 empregadas públicas en risco e todas as persoas usuarias dos servizos públicos", sostén a CIG no seu comunicado.

Así, desde a CIG lembran que existe persoal sensíbel, con maior risco por padecer enfermidades crónicas, en estado de inmunosupresión, pluripatolóxicos ou embarazadas para quen non se tomou ningún tipo de medida de protección, como apartalas da atención directa ao público.

Desta maneira, a CIG incide en que a Xunta ten a "obriga" de "garantir a seguridade e a saúde das persoas traballadoras ao seu servizo". E valora denunciar ante Inspección de Traballo e acudir ao xulgado "para buscar as responsabilidades penais porque as persoas dirixentes da Xunta non están a tomar medidas reais para protexer a saúde do seu persoal".