SINALA A SUPRESIÓN DE UNIDADES E PROFESORADO

A CIG denuncia a reagrupación de alumnado por parte de Educación

Unha escola onde @s cativ@s que están aprendendo a ler xúntanse co(a)s que preparan a ESO, coma nos vellos tempos, pode ser o resultado dos novos recortes da Consellaría de Educación nas zonas máis despoboadas. 

A CIG- Ensino denuncia “o escurantismo” da Consellaría, e sinala que as Xefaturas Territoriais continúan sen negociar as pretensións para o inicio do curso, cando existen datos que indican que vai haber numerosas supresións -sobre todo nas zonas rurais- tanto de centros como de unidades e prazas de profesorado. 

Cónstalles que Inspección educativa se dirixiu ás direccións de diferentes centros educativos para promover o agrupamento de alumnado. Cos agrupamentos que procura a Consellaría abundarán as unidades con alumnado de diferentes idades, cursos, ciclos e, mesmamente, etapas, xa que teñen a pretensión de levalas a cabo sempre que non superen os 20 alumnos, e incluso nalgúns casos os 25. Os recortes tamén poden afectar, segundo informou Inspección nalgún centro, aos comedores escolares onde hai menos de 23 usuarios.

As supresións aplicaranse en todos os niveis educativos: en Secundaria, Inspección educativa anunciou que reducirá en moitos centros un 10% os cadros de persoal, e que se incrementarán as afíns: pode que o profesorado de Matemáticas imparta Debuxo en 2º de Bacharelato.

Máis incidencia nas provincias do interior

Segundo Inspección Educativa, en Lugo a supresión de unidades afectaría a Abadín, Triacastela, O Páramo e Barreiros, e outros 25 centros. En Ourense, ao CEIP dos Blancos, Baños de Molgas, Nosa Señora do Carmen (Calvos de Randín), Carmen García Carrasco (Cenlle), Otero Novas (Cortegada), Pena Corneira (Carballeda de Avia), San Mamede (Montederramo), Padre Crespo, (Xunqueira de Ambía), Roberto Blanco Torres (A Peroxa), de Vilariño de Conxo, O Castiñeiro (Laza), Medeiros, Manuel Luis Acuña (Ourense), Rodolfo Núñez Rodríguez, (Vilardevós), Vicente Risco (Cualedro), ou Otero Pedraio (Amoeiro).

Na Coruña podería afectar aos CEIP Rodríguez Xixirei, de Lavacolla, Pino de Val e Víctor Saez de Mazaricos, Carreira e Frións en Ribeira, Louro (Muros), O Pindo (Carnota), Abanqueiro (Boiro), CPI de Boimorto, Pontecarreira, etc. Outros dos centros afectados son A Barquiña, en Cerdido, Mañón, Maciñeira (Neda), o Pindo (Carnota) e Caión (Malpica). E en Pontevedra, ao colexio de Fornelos e de Oca. En Vigo suprímense a EEI Nogal e a da Rúa de Palencia e o Colexio Caixanova, que, malia ser privado, tiña profesorado público. O traslado de ensinanzas da ESO dende o CPI Celso Emilio Ferreiro ao IES Álvaro Cunqueiro tamén suporá a eliminación de 10 prazas de profesorado.

Cambios na xornada lectiva

Ademais, o DOG do pasado mércores publica a Orde do 4 de xuño de 2012 pola que se modifica o artigo 4 da Orde do 23 de xuño de 2011, que regula a xornada de traballo do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.  Con esta orde a Consellería desenvolve e aplica o Real decreto lei 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo no relativo á xornada lectiva do profesorado.

Imponse, así, o mínimo de 20 horas lectivas para todo o profesorado que imparte ensinanzas distintas das de infantil e primaria e modificando as horas complementarias até completar as 23 de presenza fixa no centro. No artigo 4, referido á xornada semanal do persoal funcionario e laboral que imparte as ensinanzas de educación secundaria, ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas, modifícase parcialmente a redacción dos puntos 1 e 2 e introdúcese un terceiro punto.

Así, no punto 1, que estabelece a xornada semanal, con 23 horas de horario fixo no centro educativo, na redacción anterior dicíase que destas 23 horas, "18 terían carácter lectivo podendo chegar ata vinte", pero agora indícase que, a maiores das vinte horas "as tres restantes distribuiranse entre dúas gardas e unha hora de titoría de pais e alumnos.”

No punto 2, tocante ás gardas do profesorado (incluíndo as de recreo e as de transporte escolar), dicíase “nos centros que proceda, entre as 18 horas lectivas e as 23 de presenza fixa no centro incluiranse as gardas de recreo e para custodiar o alumnado no período de tempo que transcorre desdea chegada do alumnado transportado”, pero agora, introdúcense estas nas horas de garda, directamente. Por último, o novo punto 3 indica que as reunións dos departamentos didácticos faranse "como mínimo unha vez ao mes", despois de convocalas a xefatura do departamento, e que estas reunións equivalen ao "claustro de profesores", e polo tanto "computaranse dentro das sete horas complementarias non fixas”.

A CIG-Ensino considera estas modificacións "unha imposición" que suporá un retroceso nas "condicións laborais e na calidade do ensino público”, pois a Consellería establece un mínimo de 20 horas lectivas a todo o profesorado, reduce as horas complementarias fixas, que pasan de 5 a 3, elimina unha hora de titoría das dúas actuais e obriga a computar as reunións dos departamentos didácticos por fóra das 23 de horario fixo no centro. Ademais, advirte de que  “a atención á diversidade do alumnado verase gravemente comprometida”.

Parécelles "inaceptable" que a Consellaría vaia alén do Real Decreto Lei "ao estabelecer que as gardas non serán horario lectivo, pois é unha interpretación da Consellería, xa que non está recollido no RD”. Isto mesmo, explica, entra en contradición co criterio que para o profesorado de infantil e primaria establece sobre as gardas a Orde do 23 de xuño de 2011, que no seu artigo 3, punto 2, contempla que “Computarán como horario lectivos as gardas”.

Redución de profesorado

Esta modificación da xornada lectiva fará que se reduzan as plantillas dos centros, que aumente o número de profesores que se ven obrigados a impartir materias afíns, as supresións e @s desprazad@s por falta de horario e provocará o despedimento de máis de 2000 profesores/as interin@s. A CIG-Ensino denuncia que recortes como este atacan gravemente ó ensino público e a súa calidade, e esixe que o goberno galego non aplique ningunha das medidas contidas no RD Lei 14/2012.