Cidadanía de Ferrol leva a indignación a pleno e rebenta dúas sesións en catro días

Unha parte do protesto [Susete Ferrol]

Na quinta feira, día 25, practicamente todos os conflitos laborais e sociais que afectan á comarca de Ferrolterra chegaron ao Concello. O pleno suspendeuse e reanudábase o 29. Os protestos repetíronse, obrigando a adiar a xuntanza case tres horas


Eles estaban preparados. Após a decena de colectivos que na quinta feira transladaron a súa indignación ao pleno até llelo rebentar, o Goberno local de Ferrol (José Manuel Rey Varela, do PP, con maioría absoluta) fixera pública a súa estratexia a modo de advertenza: identificaría calquera cidadá ou cidadán que quixera acceder á sesión prevista para esta segunda feira ás 8.30 da mañá. E identificaría@s non unha, senón dúas veces, unha na porta do Concello a través dun "arco de seguridade" (privada) e outra na porta de acceso á sala de plenos.

Noutra volta foron @s operari@s de Navantia reclamar carga de traballo e o dique flotante; a plataforma Stop-Despexos insistíu na adxudicación das vivendas sociais do barrio de Recimil, por volta de cen pisos baleiros que outras tantas familias teñen adxudicados desde hai catro anos e que o Concello tapiou con tixolos; estaban @s traballador@s de Maderas del Noroeste, de Tecnymo e de Poligal; a Marcha Mundial das Mulleres; ensino; sanidade; e, por suposto, @s estafad@s coa comercialización de participacións preferentes exixindo unha solución para as vítimas das Rías Altas. 

PP, PSOE e Independientes fuxiron da cidadanía

Aquela sesión tivo que ser suspendida e @s manifestantes remataron o seu protesto entoando o Grândola, ao cadrar co 25 de Abril o día das súas reivindicacións. O alcalde programou para a segunda feira o mesmo pleno. E a avalancha de cidadá(n)s, aínda que menos numerosa (el@s propias recoñecen que a quinta feira eran até vinte veces máis), voltou ao Concello. As 13 edís do PP, @s 7 do PSOE e o único de Independientes por Ferrol saíron axiña da sala para o primeiro receso. 

Namentres, a policía cumpría coa orde de identificar todas esas persoas. BNG e Esquerda Unida non quixeron saber nada do que máis tarde a formación frontista cualificou de "medida inapropiada ao non existir ningunha situación de excepcionalidade que a xustifique". Erguéronse dos seus asentos e marcharon, deixando plantado ao alcalde, que reanudou o pleno dúas horas e media máis tarde coa presenza de PP, PSOE e Independientes.

Rey Varela emitiu xa un comunicado en que "censuramos" que "por segunda vez" a cidadanía de Ferrol quixera achegarse a unha sesión plenaria que debe ter libre acceso e transladar alí, onde se decide a política municipal, o seu descontento xustamente con como o consistorio está a facer as cousas. Tal actitude foi tildada polo PP de "ruptura das normas de convivencia democrática". O PSOE, pola súa banda, quixo aclarar que non están de acordo co veto imposto desde a alcaldía e que queren "un pleno de portas abertas"; porén, non marcharon canda BNG e EU "por respecto á institución local".