A catedral presenta un plan de seguridade sen rebelar custes


Na presentación das novas medidas de seguridade da Catedral de Santiago o cabido non quixo informar dos custes da nova actuación aínda que desvelou que xa funcionaba en 2007, catro anos antes do roubo do Códice.

O cabido compostelán segue a ocultar todo o relacionado cos seus aspectos económicos. Na presentación que realizou o pasado día 24 de xullo sobre o "novo" Plan de seguridade foi quen de descubrir que oito vixilantes e corenta cámaras controlaran todos os espazos do templo e edificios como o Museo e o Arquivo mais rexeitou falar de custes "por motivos de seguridade".

Na conferencia de prensa aos medios de comunicación compareceron Daniel Lorenzo, presidente da comisión de cultura do Cabido da Catedral, e Ricardo Sanz, o responsábel do plan de seguridade e técnico da empresa segoviana ProArPa. A primeira sorpresa foi que o que se anunciaba é só un adianto do que será un Plan Director que se presentará no mes de setembro e que terá como fundamento máis a conservación "que o roubo". A empresa contratada, Protección de Arte y Patrimonio (ProArPa), realizou unha auditoría previa e unha análise dos risco potenciais que logo transformou en recomendacións para o Cabido.

A catedral tiña un Plan de seguridade desde 2007

As chaves
A primeira recomendación desta empresa, segundo comentou Ricardo Sanz, foi a de "coñecer en todo momento quen ten a chave". Tod@s @s traballador@s da catedral contarán ademais, a partir de agora, cunha acreditación e haberá espazos restrinxidos. Obradoiros varios actualizarán os coñecementos do persoal e no mes de outono haberá un simulacro de evacuación.
Na conferencia de prensa tamén informaron de que aumentarán os efectivos de seguridade a oito e colocarán 40 cámaras de seguridade por todo o recinto. A monitorización realizarase desde un centro de control.