A catedral de Santiago precisa 1,9 millóns para restaurar as torres

Entrada da Catedral polo Obradoiro
A Fundación que xestiona o monumento, propiedade da Igrexa, asegura agora que precisa 1,9 millóns de euros para arranxaren os desperfectos polo paso do tempo. Unha das razón do seu estado actual é a falta de mantemento que realizou ao longo dos anos.

Non hai moito descubrimos, a través do roubo do Códice Calixtino, que a Catedral de Santiago move grandes cantidades económicas por diversos conceptos que van desde o cobro por entradas ou aluguer de espazos até doazóns varias. Unha parte dese capital recuperouno a polícia ao tempo que a prezada obra medieval e aínda está en proceso de investigación a súa orixe. Pouco despois o propio Cabido presentou un informe no que sinalaba a necesidade de renovar as medidas de seguridade polo que presentou un Plan mais sen entrar a explicar os custes económicos. Agora fixo público un informe no que solicita de "maneira urxente" a intervención sobre as dúas torres da fachada principal que dá á Praza do Obradoiro. O custe desta intervención sería de 1,9 millóns de euros.

A duración da restauración sería de entre 15 e 18 meses nos que, por primeira vez, a fachada do Obradoiro se cubriría para os traballos

Inversión pública
Un dos problemas que asegura ter o cabido compostelán é o económico. A Fundación Catedral de Santiago explicou aos medios de comunicación que a súa intención é recuperaren os cartos roubados e pagar, en parte, a restauración con eles. A cantidade que atoparon nos rexitros do ex-traballador da Catedral case coincide co orzamento da restauración polo que serviría para comezaren as obras. A pretensión da Fundación é que a restauración comece o ano vindeiro. A duración da mesma sería de entre 15 e 18 meses nos que, por primeira vez, a fachada do Obradoiro se cubriría para os traballos.
Outra das vías de financiamento, segundo afirma a propia Fundación, é unha partida do Ministerio de Fomento, a cargo do 1% cultural. Aínda así comezaron unha campaña de petición entre entidades privadas posto que o gasto de toda a recuperación podería multiplicar por seis esa cifra.