A buguina resoa: chamada á dignidade en Ferrol

Un quilómetro de batas da sanidade, de togas, de mandilóns, de traxes, de blusas, de roupa de crianzas... calquera prenda de roupa que teña un significado para quen a pendure será benvida na acción artística que encherá de cor e de vida as reixas de Navantia. Será o domingo, 2 de xuño


Chamamos a seguir o exemplo daqueles traballadores e traballadoras do sector naval que nun arrouto de dignidade penduraron os seus buzos de traballo na reixa da factoría de Navantia. Chamamos a continuar este monumento á dignidade.
 

Chaman desde as ondas de Radio Buguina, unha iniciativa artística que o vindeiro domingo, 2 de xuño, chama á cidadanía de Ferrolterra a penduraren pezas de roupa na reixa de Navantia, antiga Bazán. Un acto reinvindicativo que será efémero, mais que agroma do pobo e que sinala cara ao sector naval como símbolo dunha sociedade que viu como lle arrasaban con todos dos dereitos. 

Cal é o obxectivo? Construír un quilómetro de "batas da sanidade, batas da limpeza, batas de laboratorio ou batas de casa, xerseis, pantalóns, togas, camisolas, fundas, buzos, saias, vestidos, camisas, blusas, uniformes, chaquetas, cazadoras, traxes, mesmo a roupa das nosas crianzas, todo aquelo ao fín que pola súa forma e colorido é digno de ser pendurado, todo o que tivo un eco, unha voz, un runxido por leve que fose, con tal que chegue a conmovernos". Construílo desde a Porta de Bazán, en Esteiro, até a Porta do Arsenal, na Magdalena, simbolizando que a loita do naval son, a un tempo, todas as loitas. 

O protesto ten detrás moitos nomes, propios e de organizacións políticas, sociais, culturais, sindicais, veciñais... en definitiva, o que persegue quen convoca --un grupo de artistas e creador@s entre @s que se atopan Xurxo Souto, Suso de Toro, Manuel Rivas, Anxo Angueira, Pepe Galán, Pepe Barro, Roberto Somoza e Mercedes Queixas-- é facer unha achega á reclamación de carga de traballo que seguen @s traballador@s do naval. Recollendo esa reclamación e ampliándoa ás agresións que están a sufrir outros sectores como a sanidade ou o ensino, o que se procura é unha inxección de dignidade para a comarca ferrolá e para toda a Galiza. 

"Homes e mulleres equipados con escadas e bridas van axudar a cinxir, espetar ou pendurar as vosas pezas de roupa. Será unha obra efémera, pero durante un tempo mostrará a reixa de Navantia cargada coa roupa de toda a xente, cargada de dignidade!". A acción está convocada para o domingo ás once da mañá na Porta de Bazán, no barrio de Esteiro.