Veciñas da Baña denuncian o recorte das horas asistenciais da matrona

Concentración das usuarias diante do centro de saúde da Baña.

Veciñas e veciñas da Baña volven protestar ás portas do centro de saúde do concello polo recorte do horario da matrona. Unha mostra máis, din, da mingua da sanidade pública no medio rural.

En menos 20 días, a veciñanza da Baña saíu á rúa por segunda vez para denunciar a deterioración da Atención Primaria e o recorte asistencial que acusan, cada vez, con maior malestar. Ás queixas, xa manifestas, pola mala cobertura pediátrica, suman agora unha nova protesta ante a rebaixa das horas de atención da matrona.

Convocados pola CIG-Saúde Compostela un cento de cidadáns e cidadás da Baña e doutros municipios da contorna, como Negreira, concentráronse ás portas do centro de saúde durante a xornada de traballo da matrona.

Desde hai dúas semanas o seu horario sufriu un recorte de cinco horas. Pasou de traballar catro horas diarias cinco días á semana a traballar dúas horas e media cada día de segunda feira a sábado.

“Esta rebaixa é unha proba máis do desmantelamento da sanidade pública no rural e dun recorte asistencial que compromete a calidade do servizo que deben recibir as usuarias”, explica a Nós Diario Xabier Alvedro, delegado sindical da CIG. “Hoxe decidimos acompañar a matrona durante as dúas horas e media que lle impuxeron os sábados, cando non ten cita ningunha malia a dispoñer da súa axenda aberta”, engade.

O centro abre só para a matrona

Desde o sindicato denuncian o caso particular da Baña. “É o único centro de saúde que abre os sábados exclusivamente para a matrona. A semana pasada estivo soa. Hoxe contrataron un PSX (Persoal de Servizo Xeral) a media xornada. Non ten ningún sentido cando as gardas médicas e de enfermería están centralizadas en Negreira durante as fins de semana”, critica Alvedro.

A veciñanza mobilizouse para trasladarlle o seu apoio á matrona e insistir nunha demanda que xa fixeron pública o 16 de xaneiro. Piden uns servizos públicos dignos, que se cubran as baixas e as vacacións da pediatra do centro de saúde, que actualmente só acode dous días á semana e uns coidados axustados ás necesidades da poboación. Agora, tamén os da matrona.

“Se deciden abrir o centro de saúde os sábados, con todos os gastos que iso implica, terán que dotalo en condicións”, recalca Xabier Alvedro, quen asegura que repetirán as protestas mentres non lle devolvan á matrona o horario anterior e ás usuarias da Baña, unha cobertura asistencial de maior calidade.

Apoio do colectivo de matronas

A matrona recibiu o apoio do seu colectivo profesional, como fixo no pasado, cando lle tocou recoller o Premio 8 de marzo 2019 do Concello de Negreira, un dato que quixeron sinalar como mostra do seu compromiso coa comunidade e coa atención á muller.