A AS-PG reivindica o papel das aulas e chama a "parar" durante o confinamento

Colexio pechado polo estado de alarma derivado do coronavirus (Europa Press)
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) amosa a súa preocupación ante a situación, tanto  nivel educativo como social, nestas semanas de confinamento, e vindica o traballo das e dos profesionais da educación, "que non poden ser substituídas neste momento por ningún medio tecnolóxico", como garantes dunha competencia social, do desenvolvemento do espírito crítico, da retroalimentación inmediata de do dereito fundamental á igualdade de oportunidades. 

Diante da crise provocada pola pandemia, a AS-PG, un movemento de renovación pedagóxica galego que traballa na procura dun ensino galego público e de calidade, salienta que "non hai ensino de calidade sen aulas, os nenos e as nenas, as interaccións que se producen entre eles, o respecto aos diferentes ritmos de aprendizaxe, o normalizar a diferenza, contaxiar emocións, crear coñecemento a partir da escoita activa... non se poden desvincular da educación".

A asociación defende, neste sentido, a formación do profesorado e chama a mestres e mestras a "parar". "Sexamos coherentes contaxiando tranquilidade, provocando o aburrimento (claramente infravalorado), freando o estrés", propón, a través un comunicado asinado pola mestra Ana López Rico, integrante na Xunta Directiva da AS-PG.

"Vivimos nun tempo, especialmente este inmediato, no que reivindicamos a axuda, a solidariedade, a necesidade das demais, e, en contraposición, volvemos a un ensino reprodutivo, sectario, excluínte e pouco garante, movidos pola aura de modernidade que agochan os medios tecnolóxicos, e polo medo a ser cuestionados e cuestionadas", advirte.

Neste sentido, a AS-PG cre necesario deterse para "recuperar o ensino cando as condicións sexan as precisas". "Precisamos parar para non desfacer o feito, para non desandar un camiño que estaba empezando a construírse, precisamos parar para non afogar as familias (elas non teñen que facer o noso traballo, nós non facemos o delas) e para non cargar nada máis sobre as costas das mulleres, vítimas tamén nesta situación da culpabilidade de ter que ser todo sen poder ser elas. Só así, poderemos recuperar o camiño con todas as garantías precisas para seguir", demanda a entidade.