APDR advirte que acudirá á vía xudicial para impedir que Ence-Elnosa fique en Lourizán

Marcha contra celulusoas [Imaxe: GZ Vídeos]

Tres mil persoas manifestáronse perante a factoría de Ence e exixiron a saída da pasteira de Lourizán na Marcha contra celulosas organizada pola APDR. Falamos co presidente da Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra, Antón Masa. Imaxe e vídeo no interior: GZ Vídeos

Embora o presidente de Ence se manifeste convencido de que finalmente obterá o informe favorábel da Xunta de Galiza, o certo é que a pasteira "está preocupada", asegura Antón Masa horas antes de comezar a marcha en defensa da Ría. O portavoz da APDR salienta que de non ser así a empresa non tería publicado "un manifesto" baixo o lema "En Defensa da Ría" con motivo da manifestación que percorrerá o treito que conecta Marín e Pontevedra coa factoría. 

As páxinas da imprensa enchianse este sábado con publicidade pagada pola empresa para "contrarrestar" a mobilización convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría (APDR), asegura Masa en conversa con Sermos Galiza, ao tempo que afirma con rotundidade que "este ano é máis importante cá nunca" amosar o amplo rexeitamento social á fábrica de papel afincada en Lourizán. "Estamos certos", engade, "de que coa mobilización e a vía xudicial impediremos a prórroga".  

"Ence marca a política ambiental da Xunta de Galiza"

Após a reforma aprobada en solitario polo Partido Popular, a nova Lei de Costas autorizaría o mantemento da actividade de Ence até 75 anos máis. Para iso, a pasteira precisa que a Xunta de Galiza emita un informe favorábel. "Eles estan convencidos" de que asi o fará, indica Antón Masa porque "marcan a política da Xunta neste asunto". "Só fai falla que abran a boca", afirma en relación coa dirección de Ence "para que o PP se mova". 

Dito e feito. José Luís Arregi presidente da factoría recoñeceu hai poucas semanas que a empresa manexa un escenario ben distinto ao que agardan as organizacións ecoloxistas. Acompañado do presidente da Deputación de Pontevedra --o propular Rafael Louzán-- Arregi asegurou que o traslado da pasteira é "inviábel". Días despois, en sesión parlamentar, desde a Xunta de Galiza recollían as verbas do empresario e afirmaban aos grupos da oposición que saída de Ence-Elnosa da ría era "inviábel" por mor dos postos de traballo que, din, xera para a comarca. Tamén así, o presidente da Xunta abría a billa a que a pasteira fique en Pontevedra, mesmo incumprindo o seu programa electoral. 

Denuncian o carácter inconstitucional da nova Lei de Costas

As declaracións do goberno galego "amosan con clareza que queren que quede", advirte Masa. Porén, tamén apunta que desde a Asociación continuarán loitando para que a pasteira abandone Lourizán. "Cremos que algunhas das disposicións da nova Lei de Costas", salienta, "poden ser inconstitucionais". Desde a APDR non descartan recorrer a nova norma para impedir que de facto, se permita a Ence prorrogar a súa actividade para alén de 2018. 

Polo de agora, dúas columnas partirán desde Pontevedra e Marín para se xuntaren perante a fábrica e exixir á Xunta de Galiza que faga cumprir a sentenza do Supremo que anula a Autorización ambiental integrada outorgada en 2003 polo goberno de Manuel Fraga. Desde a APDR reclaman que após o executivo de Núñez Feijóo obrigue a Ence paralizar a actividade esta non poida recuperar a licenza sen o informe de compatibilidade urbanistica do Concello. "Por xustiza" reclaman, a Xunta non debe permitir "un novo caso de corrupción ambiental".