A acusación contra Bugalho non se presenta nos xulgados após exixir que se reabrise o caso

[Imaxes: SG]
A fiscalía ofreceulle á sindicalista e activista trans un xuízo rápido e unha rebaixa dun terzo na petición de pena polo delito que lle atribúe, falsidade de documentos públicos continuada. Bugalho rexeita "calquera condena". O CP fala de entre 3 meses e 6 anos de prisión, e a fiscalía non concretou aínda canto tempo reclama


Un xuízo rápido e unha rebaixa dun terzo nunha petición de pena que non está concretada. É a oferta que a fiscalía puxo riba da mesa para Laura Bugalho no decorrer dunha vista oral que se prolongou durante case tres horas e na cal a acusación non se presentou. A xuiza repasou coa sindicalista a documentación recabada no caso "para comprobar se era ou non da miña autoría". Este proceso inzado de sombras culminará cun xuízo que se agarda aínda para maio.

Así as cousas, Bugalho estaba chamada a declarar canda outras oito persoas, todas inmigrantes, esta cuarta feira nos xulgados de Fontiñas e perante a xuíza Ana López-Suevos, encargada da instrución. O Ministerio Fiscal acusa á activista de falsificación continuada de documentos públicos du

rante o seu traballo no departamento de Migracións do sindicato CIG. Por falsificar documentos están tamén imputad@s @s oito inmigrantes.

Cómpre sinalar que López-Suevos se ocupa tamén da bautizada como 'operación Peregrino', na cal até 57 obreiros inmigrantes denunciaron seren vítimas dunha mafia que operaba na comarca de Compostela e no Barbanza e que implicaría pola volta de 30 empresas.

Catro empresarios ligados ao metal e ao agro foron detidos naquela altura, en 2009, canda Messaoud El-Omari --responsábel do Centro de Información para Traballadores Inmigrantes de CC.OO.-- e Hadaoui Kayrou. Os dous últimos foron acusados de asociación ilícita, introdución ilegal de man de obra estranxeira e fraude.

A sindicalista Bugalho denunciou esta mafia en novembro de 2008 e foi unha das persoas que acompañou os traballadores inmigrantes até as dependencias da escuadra policial da Coruña, pois todos refusaron denunciar en Compostela ao alertar da "complicidade" entre un cargo local e a mafia de inmigración. No seu testimonio, El-Omari sinalou que o comisario Manuel Fernández Nogueira era, efectivamente, "un amigo dentro".

A fiscalía exixe reabrir o caso e non se presenta para a proba que solicitou

Após finalizar a fase de instrución, a xuiza pechou a causa contra Laura Bugalho. Con todo, a fiscalía presentou un recurso e acusa á sindicalista de falsificar documentos públicos para axudar a persoas inmigrantes a regularizar a súa situación. O Código Penal dispón unha pena que se abanea entre os 3 meses e os 6 anos para este delito, e a fiscalía non concretou aínda canto tempo de condena reclamaría para Bugalho. Malia esa falta de concreción, a oferta que colocou riba da mesa pasa por rebaixala nun terzo.

"Se despois me piden seis anos entraría en prisión, porque coa rebaixa quedaría en catro anos", explicou a sindicalista ás portas dos xulgados composteláns. Queixouse da "broma macabra" de que @ fiscal fale agora da posibilidade dun xuízo rápido após catro anos mergullada neste proceso "de persecución" que chega "após a denuncia continuada de casos de explotación", e informou de que rexeitou o acordo coa parte acusadora a cambio de se declarar culpábel "porque non vou aceptar condena ningunha, nin dun ano, nin dun mes, ningunha. Son inocente".

Como acusación tamén anunciara que se presentaría a propia policía española, mantendo que o delito cometido por Bugalho era de trata de seres humanos e polo que reclamarían unha pena de prisión de entre tres e oito anos de cadea. Finalmente non se personou na causa. A sindicalista leva 21 anos traballando man a man con este colectivo, tanto desde os despachos da CIG como desde a súa actividade en colectivos como o Foro Galego de Inmigración ou TransGaliza. Di ela que un dos anos de maior actividade foi o 2002, após o 'corralito' na Arxentina. Datos de 2008 sinalan que a militante tería acompañado pola volta de 700 persoas ante o Negociado de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno español na Coruña.

Campaña de autoinculpacións

As mostras de solidariedade con Laura Bugalho chegaron desde todos os puntos do Estado español en virtude da campaña internacional Todas somos Laura, posta en marcha en Euskal Herria co apoio da Rede Transfeminista. A campaña en prol do sobreseimento da causa e a libre absolución da sindicalista continua agora coa recollida de sinaturas autoinculpatorias que se presentarán nos xulgados correspondentes nas vindeiras semanas e de maneira simultánea.

A campaña está en marcha en Galiza, Euskal Herria, Aragón, Madrid, Portugal e en países de América Latina como Uruguay. "A xuiza non necesita recibir unha onda de autoinculpacións, mais a fiscalía parece que si, para entender que todas as loitas van da man e que o campo é todo noso", espetou Bugalho ás portas do xulgado.

Centos de berros pola absolución

Á mesma hora en que a activista transfeminista entraba a declarar, centos de persoas concentrábanse ás portas dos xulgados para lle transmitiren o seu apoio. Tamén polas redes sociais circularon as mostras de apoio baixo o hastag #estamoscomLaura. Así as cousas, a militante do Foro Galego de Inmigración Mónica Alzate deu lectura a un comunicado en que o colectivo recoñece o traballo en prol do colectivo inmigrante desenvolvido por Laura Bugalho, "contribuíndo á integración de moitas persoas", traballo polo cal solicitaron "de forma urxente a desestimación e arquivo da causa".

Rexeitaron a "persecución policial" da cal son obxecto "actividades que fan parte do noso traballo cotián" como facilitar un empadroamento ou un proceso de arraigamento, e recalcaron a "obriga" de "adoptar mecanismos" para superar "o exceso e a complexidade" da documentación que se lles exixe ás persoas inmigrantes.

A leitura do comunicado culminou con aplausos e os berros coreados durante toda a mañá: Moitas Lauras precisa este País, Defender inmigrantes non é delito, Na Galiza ninguén é estranxeira ou Galega ou estranxeira, a mesma clase obreira.

"Todo o apoio e ánimo para Laura Bugalho. Culpábel de que?" foi o chío que colocou na súa conta de Twitter esta cuarta feira o voceiro nacional do BNG Guillerme Vázquez e que veu sumarse aos folgos transladados desde outras formacións políticas.

Mediante comunicado de imprensa, o deputado de AGE Xabier Ron sinalou que "cando a situación é límite é preciso poñer por diante doutras consideracións a defensa dos dereitos humanos, tal e como o fixo a compañeira Laura".

Na concentración de apoio houbo tamén representantes da asociación ferrolá Fuco Buxán e da compostelá Asamblea Aberta, do observatorio polos dereitos e as liberdades Esculca, das organizacións políticas Causa Galiza, Candidatura do Povo e Nós-UP ou das centrais sindicais CIG e CUT. Por comunicado de imprensa chegou tamén a solidariedade da esquerda abertzale.