Após rogar contra os eólicos, o cura de Xermade fai misa pola mellora da estrada LU-P-2204

O párroco saudou ao presidente da Deputación, que foi quen pediu a misa. (Foto: Deputación de Lugo)

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, asistiu aos actos relixiosos decorridos pola obra na parroquia de Momán, cuxo párroco é bastante coñecido pola orixinalidade coa que fai as reivindicacións, afastadas do que se agardaría da Igrexa. De feito, a orixe deste encontro foi a convocatoria de actos relixiosos para reclamar a recuperación da infraestrutura.

O párroco de Labrada (Guitiriz) e Momán (Xermade), Luis Rodríguez Patiño, vello coñecido das autoridades políticas e tamén da veciñanza vén de oficiar unha misa pola mellora da estrada LU-P-2204 que foi pedida polo propio presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Este asistiu ao acto relixioso acompañado de varias persoas da súa equipa como o deputado de Participación Cidadá, Roberto García, como resposta á demanda que se atopou ao chegar ao cargo.

Por aquel entón, Rodríguez Patiño facía peticións na igrexa para que a infraestrutura fora renovada.

Após esa insistente reivindicación do cura, Tomé quixo fechar os traballos de renovación e mellora da vía que conecta a parroquia de Momán coas Pontes cunha cerimonia a imaxe e semellanza de Rodríguez Patiño tempo atrás.

"Cando cheguei á presidencia da Deputación, hai máis de dous anos, comprometinme co alcalde de Xermade para darlle unha solución a esta vía", explicou Tomé na Camposa de Mazandoi facendo alusión aos ritos para solicitar as obras nas que reclamaba a Deus que mandara un arquitecto.

"E hoxe estamos aquí para celebrar que cumprimos co que nos comprometemos e os veciños e veciñas teñen unha estrada renovada", subliñou.

Tomé engadiu que a estrada é moi importante “pois vertebra o concello de Xermade [e toda a contorna], dando servizo aos veciños e veciñas de Momán e comunicando coas Pontes. Ademais, este é o camiño máis curto para os desprazamentos dos veciños e veciñas a Santiago de Compostela e aos aeroportos”.

O párroco, que tamén atende parroquias dos municipios de Monfero e Aranga, ten feito outras demandas que tiveron menos efecto pero sempre na súa liña. Por exemplo, celebrou unha cerimonia contra os eólicos.