981 sinaturas para que a Xunta aplique nos centros de benestar o convenio laboral que está aprobado

[Imaxe: CIG]

Unha concentración convocada pola CIG diante da consellaría de Traballo reclamou a restitución dos salarios e das pagas extra completas, así como transparencia e publicidade na xestión das listas de agarda.


Unha concentración convocada pola CIG reclamou esta cuarta feira diante da consellaría de Traballo a aplicación do convenio que @s traballador@s negociaron coa Xunta en 2010. Delegad@s desta central sindical entregaron até 981 sinaturas dirixidas á titular do departamento, Beatriz Mato, para que se lles apliquen as condicións nel sinaladas ao cadro de persoal dos centros de benestar. 

O Consorcio galego négase a acatar o convenio. O sindicato nacionalista denuncia a situación de "precariedade laboral" en que se atopan máis de mil traballador@s cuxo salario nalgúns casos non chega aos 1.000 euros. 

Entre as demandas que se lle fan á Xunta figuran que se garanta a continuidade das traballadoras do Plan de Inclusión a partir de 2013, a restitución dos salarios e das pagas extraordinarias completas, transparencia e publicidade na xestión das listas de agarda e a autorización para a realización de permutas entre o cadro de persoal do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.