92% dos MIR fai máis horas das estipuladas pola Directiva Europea

Debe haber un descanso mínimo de 12 horas entre xornadas laborais. (Foto: Nós Diario)
Cirurxía é a especialidade que menos descansos ten tras as gardas.

Un estudo presentado onte polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos afirma que até 91,95% do persoal médico interno residente (MIR) incumpre na Galiza a normativa de máximos de xornada laboral estabelecida pola Directiva Europea (un máximo de catro gardas ao mes). No informe participaron 2.035 residentes, 65,3% foron mulleres.

No Estado español, o marco legal de aplicación a médicos especialistas en formación está recollido na transposición da Directiva Europea do Traballo, que dispón tres cuestiones fundamentais: a xornada laboral máxima de 48 horas semanais en cómputo semestral de xornada efectiva de traballo; descanso diario de polo menos 12 horas entre xornadas laborais; descanso semanal de polo menos 36 horas por semana ou descanso compensatorio de 72 horas en dúas semanas.

Na presentación do informe do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos , o membro da European Junior Doctors, Álvaro Cerame, manifestou que os MIR "son médicos, poden e deben levar a cabo un labor asistencial; pero, por circunstancia legal, non deben ser o persoal estrutural dos centros".

Polémica coas cifras da Xunta de listas de agarda

O portavoz da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, reunido esta quinta feira con Borja San Ramón, secretario xeral de Podemos na Galiza, acusou a Consellaría de Sanidade de "falsear" as cifras de listas de espera no Sergas e convidou o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, a visitar as Urxencias para "ver" o saturadas que están. Aboal asegurou esta quinta que  85% dos galegos conseguen cita na Primaria "en menos de catro días".