91 pasamentos por Covid na "nova normalidade"
Outras tres mortes rexistradas en hospitais galegos nas últimas horas, das que dúas están ligadas, respectivamente, ao surto da residencia DomusVi de Outeiro de Rei e ao rexistrado na residencia Orpea de Culleredo, elevaron a 710 as vítimas mortais na Galiza diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio da pandemia.
En concreto, as autoridades sanitarias galegas informaron este sábado de que perderan a vida un home de 93 anos ingresado no hospital privado Polusa de Lugo e unha muller de 85 que permanecía no HULA. Ambos os dous tiñan patoloxías previas e a muller procedía da residencia de Outeiro de Rei.
Ademais, faleceu un varón de 89 anos, usuario da residencia Orpea de Culleredo, diagnosticado con coronavirus no Chuac. Tamén contaba con patoloxías previas.
Dous meses sen mortes
Desde o comezo da "nova normalidade", o número de pacientes falecidos coa enfermidade na Galiza é de 91. Antes, o país encadeara case dous meses ─desde o 10 de xuño─ sen pasamentos relacionados co coronavirus.
O maior balance de mortos dos últimos meses notificouse na pasada cuarta feira, cando Sanidade informou dun total de sete. A última vez que se superou esta cifra foi o 5 de maio, con nove decesos.