Máis de 9.000 hectáreas afectadas e veciñanza desaloxada: o parte dos incendios activos na Galiza

Varias persoas desaloxadas polos incendios no Courel. (Foto: Europa Press)
As condicións meteorolóxicas reavivaron varios lumes nas primeiras horas da tarde do domingo.

Os incendios forestais na Galiza deixan polo de agora máis de 9.000 hectáreas calcinadas, segundo as últimas cifras facilitadas pola Consellaría do Medio Rural ás 20 horas do domingo. As autoridades víronse obrigadas a desaloxar a veciñanza dos núcleos de poboación de Folgoso do Courel e O Barco de Valdeorras pola proximidade das lapas ás vivendas.

A última hora da mañá deste domingo, a Xunta confiaba en poder estabilizar e controlar os incendios activos no país, mais as condicións meteorolóxicas, con altas temperaturas e ventos con dirección cambiante, complicaron os labores de extinción e reavivaron varios lumes, que nas últimas horas seguen a estar descontrolados.

Entre eles, o do municipio de Carballeda de Valdeorras, que a pesar de permanecer estabilizado até o mediodía, reactivouse "con motivo do vento" e estendeuse á localidade veciña do Barco de Valdeorras.

Este incendio calcinou xa unhas 2.400 hectáreas. Medio Rural activou a situación 2 de alerta por proximidade do lume a un núcleo de vivendas en Carballeda, na parroquia de Candeda, onde arderon varias vivendas abandonadas, segundo confirmou o Goberno galego.

Ademais, varios veciños da parroquia de Alixo, no Barco, tiveron que ser desaloxados, segundo confirmou a Europa Press o alcalde da localidade, Alfredo García. O rexedor recoñeceu que a situación nestes momentos é "moi complicada" e de "moita preocupación". Segundo outras fontes do municipio, outras parroquias como Sandigoso ou Soulecín tamén están a ser desaloxadas.

Folgoso do Courel

A situación máis complicada vívese nestes momentos no municipio de Folgoso do Courel, que concentra até tres incendios con máis case 3.000 hectáreas queimadas.

Destes tres focos, o máis grande é o que afecta a parroquia de Vilamor. Segundo as últimas estimacións de Medio Rural, este suma xa 2.500 hectáreas calcinadas.

En declaracións a Europa Press, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, afirmou que o incendio "saltou cara á outra ladeira" e asegurou que están "desbordados".

Os outros dous focos, situados nas parroquias de Vilamor e Seceda, afectaron 300 e 1.100 hectáreas de monte forestal respectivamente. Nos labores de extinción das lapas neste concello están a participar, ademais dos medios forestais dispostos polo Goberno galego, integrantes da Unidade Militar de Emerxencia (UME).

A Pobra do Brollón

Na Pobra do Brollón permanece activa a situación 2 no incendio forestal da parroquia de Saa, que afecta xa 700 hectáreas. Segundo puido saber Europa Press, varias parroquias foron desaloxadas e o concello habilitou o pavillón da localidade para a veciñanza que así o necesitase para resgardarse e pasar a noite.

Ademais, na Pobra permanece activo desde a quinta feira outro incendio na mesma parroquia, en Saa, que segundo as últimas estimacións atópase nas 50 hectáreas queimadas.

Novos incendios

Por outra parte, na tarde deste domingo a Xunta activou a situación 2 de alerta como medida preventiva por dous incendios activos no concello de Oímbra. Un deles entrou desde Portugal pola parroquia de Videferre.

Segundo os datos achegados por Medio Rural esta mesma mañá, o incendio de de Videferre, en Oímbra, calcinou 350 hectáreas.

Permanece tamén activo o incendio da parroquia de Pradoalbar, en Vilariño de Conso, que queimou xa 800 hectáreas dentro do parque natural do Invernadoiro.

Este domingo notificáronse tres novos incendios nos concellos de CervantesPalas de ReiAntas de Ulla, mais polo de agora non se deron datos actualizados da súa extensión.