900 crianzas sen atención pediátrica estábel: a alcaldesa de Muros exixe á Xunta unha reunión ante as "graves carencias" no servizo

Centro de saúde de Muros. (Foto: Concello de Muros)

María Lago alerta de que o centro de saúde de Muros leva ano e medio cunha baixa sen substituír e reclama ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, unha solución inmediata ante a "grave preocupación das familias".

A alcaldesa de Muros, María Lago, vén de solicitar unha reunión "urxente" co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para abordar a situación "insostíbel" do servizo de Pediatría no municipio, que afecta tamén crianzas de Carnota, na mesma comarca. Segundo denuncia a rexedora, unhas 900 nenas e nenos carecen nestes momentos dunha atención pediátrica estábel.

Nunha carta enviada ao departamento autonómico, Lago lembra que o centro de saúde leva máis dun ano e medio coa baixa de longa duración da pediatra que atendía exclusivamente o concello de Muros. A esta ausencia súmase a da segunda profesional, que comparte horario entre Muros e Carnota e que tamén se atopa de baixa "desde hai meses". O substituto asignado pola Xunta da Galiza "non exerce todos os días" no municipio, xerando baleiros asistenciais recorrentes.

Derivacións a Outes e Noia e forte impacto na conciliación

A falta de pediatras provoca que en numerosas ocasións as familias só poidan acceder a un médico xeral ou que teñan que desprazarse até os centros de saúde de Outes ou Noia, especialmente no caso das crianzas de 0 a 3 anos, que acostuman ser derivadas nos días sen cobertura.

Esta situación motivou un aumento das queixas veciñais. "As familias de Muros están moi preocupadas pola saúde dos seus fillos e pola repercusión na conciliación laboral desta situación", advirte a alcaldesa, que subliña que os municipios pequenos "teñen os mesmos dereitos" que calquera outra localidade en materia de servizos públicos.

María Lago reclama que a Xunta asegure un servizo pediátrico "digno e de calidade" e lembra que estes déficits dificultan a fixación de poboación. É "urxente", di, "recuperar a normalidade no servizo de pediatría do Centro de Saúde de Muros", insiste.