90 persoas faleceron polo frío no que vai de ano

Varios coches circulando por estradas totalmente nevadas á altura de Pedrafita do Cebreiro. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Entre o 1 de xaneiro e o 10 de febreiro na Galiza houbo 90 falecementos atribuíbeis ás baixas temperaturas, segundo o Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III, que recolle día a día as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas 

da mortaldade.

As 90 persoas falecidas na Galiza por causas atribuíbeis ás baixas temperaturas entre o 1 de xaneiro e 10 de febreiro son seis máis que as que nese mesmo período de 2022 morreron por esa mesma circunstancia, 84. Mais son menos que as que faleceron por esas temperaturas baixas entre o 1 de xaneiro e 10 de febreiro de 2021: 227. Desas 90 persoas que perderon a vida no que levamos de ano, a gran maioría foron homes (47), mentres que 43 foron mulleres. Por idades a maior parte dos falecementos concéntrase por riba dos 85 anos, segundo recolle o  Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III.

No conxunto do Estado español, o frío estivo na causa de 1.079 falecementos nas semanas referidas, segundo o sistema de monotorización, polo que as mortes na Galiza representan 8,3% do total, case un de cada dez falecidos. 

Por exceso ou por defecto

Entre xaneiro de 2022 e a primeira semana de decembro dese mesmo ano faleceron na Galiza por causas atribuíbeis á temperatura 353 persoas. Isto é, 16% máis que en todo o ano 2021, cando o número de falecementos por estas causas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro se situara en 304.

Os datos dispáranse a respecto de 2020, cando as persoas mortas por circunstancias atribuíbeis á temperatura eran 134.

Das 353 mortes do ano pasado, 127 rexistráronse en xullo, mes no que a Galiza soportou dúas vagas de calor. E 78 en agosto, mes que tamén deixou rexistros de temperatura superiores aos parámetros normais no país para esa época do ano. Mais a seguir, os dous meses de 2022 con máis persoas que perderon a vida na Galiza por causas atribuíbeis á temperatura foron xaneiro (54) e febreiro (30), marcados pola baixa temperatura. Desas 353 falecidas, 226 superaban os 84 anos de idade, mentres que 92 tiñan entre 75 e 84 anos.

A mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calo ou por conxelación. O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo explica Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático e  Saúde do Instituto de Saúde Carlos III. A consecuencia máis extrema é a morte.

"A primeira vaga de calor ou de frío leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". A maioría das falecidas na Galiza por frío no que vai de ano eran persoas de máis de 84 anos, con patoloxías previas. Por sexo, seis de cada dez falecidas entre xaneiro e decembro de 2022 eran mulleres —202, 58% do total—. En canto á división territorial, o sur da Galiza é o que rexistra un maior número de falecementos, de maneira que Pontevedra rexistrou 136 mortes, seguida de Ourense, con 112, A Coruña con 71 persoas mortas e Lugo, con 33.