90% das agresións físicas ás persoas LGBT+ non se denuncian

Carme Adán e Rosario Álvarez no Consello da Cultura Galega. (Foto: CCG).
No feche da IV xornada Pensar con orgullo, o Consello da Cultura Galega presentou o informe 'Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade na Galiza', que da voz ás necesidades e preocupación dos colectivos e persoas LGBT+.

Tras ano e medio de traballo, o Foro Identidades e Disidencias Sexuais impulsado polo Consello da Cultura Galega (CCG) concluíu esta cuarta feira coa presentación dun informe que procura "achegar coñecemento novo", resumiu a presidenta da institución, Rosario Álvarez. "O tempo do foro rematou", mais as súas conclusións seguirán a dar resultados no futuro, prognosticou. 

Baixo o título Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade na Galiza, a memoria recolle o resultado dunha iniciativa "pioneira" que fixou como obxectivo actualizar a información sobre a realidade das persoas LGBT+. "O proxecto dá conta dunha situación que queriamos expoñer e faino dando voz a persoas e colectivos LGBT+, con propostas de mellora camiño da igualdade e dos dereitos". 

Carme Adán, Coordinadora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega foi a encargada de guiar un equipo de traballo formado por Daniela Ferrández, Enrique Latorre e Marta Lois, responsábeis á súa vez de encarreirar varias mesas de traballo temáticas co fin de identificar as demandas e necesidades fundamentais do colectivo LGBT+ e darlles resposta a través da creación de recursos, programas e servizos.

Participación pública, cultura, memoria e pensamento, educación, deporte, sanidade e servizos sociais, laboral e violencias LGBTfóbicas conforman os oito eixos de traballo nos que se estrutura o informe, para os que  achega cifras, desafíos, iniciativas inspiradoras e unhas recomendacións finais que, en palabras de Carme Adán, chaman a "superar o marco da lei actual".

O informe pide que a Lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais de 2014 se cumpra e sexa dotada do orzamento necesario para actualizala, mais tamén apunta a necesidade de fotografar a realidade galega, xa que non hai datos específicos que permitan describila con previsión, e de formar profesionais.

Formación e empatía

A formación é un desafío urxente e transversal, unha carencia que cómpre atallar e exixe "escoitar as necesidades das persoas LGBT+, trasladar ás profesionais protocolos e servizos, mais tamén a empatía necesaria para fuxir da violencia institucional".

Carme Adán estende a falta de formación a todos os ámbitos: laboral, sanitario, educativo, xurídico. "As denuncias dunha situación de violencia non chegan a 10%", dixo. Entre o 86% e o 92% das agresións físicas non se denuncian, precisa o informe. "As vítimas non se senten acompañadas nin protexidas polos operadores xurídicos nin polas forzas de seguridade", polo que propón unha estratexia global de formación e acompañamento.

Mais tamén neste capítulo, co horizonte transversal de contribuír a previr as condutas violentas Adán reclama unha lei integral galega para a prevención, o tratamento e a erradicación das violencias LGBTfóbicas.

Educación e Deporte

É unha das recomendación temáticas que recolle o informe que as súas autoras esperan ver recollidas nas políticas públicas. Tamén en materia de educación ou deporte. "60% dos colectivos ven as escolas como espazos non seguros e 65% do alumnado de secundaria presenciou nas clases de Educación Física comportamentos homofóbicos entre estudantes que piden contidos e programas educativos en favor da diversidade sexual e de xénero no deporte e nas aulas.

Coa presentación do informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade na Galiza "rematamos un camiño de dezaoito meses que reuniu un centenar de persoas entre colectivos, profesionais, institucións e diferentes administracións e que abre outro para poder afrontar as necesidades e preocupacións" do colectivo LGBT+, concluíu Carme Adán no feche da IV xornada Pensar con Orgullo que organiza o CCG.