O 90% dos colexios concertados de maior tamaño cobran cotas "ilegais", segundo Esade

Comezo do curso nun colexio de Andalucía (Foto: Álex Zea / Europa Press).
A concertada, en comparación coa pública, escolariza nunha proporción moito menor ao alumnado de renda baixa e orixe migrante, o cal "dana de forma significativa a igualdade de oportunidades e a equidade", sinala a institución.

O 90% dos centros educativos concertados de maior tamaño cobran unha cota ás familias, mentres que nos centros medianos e pequenos deste tipo a proporción baixa a entre un 60% e un 70% dos colexios.

Así o reflicte o informe O custo de acceso á escola concertada en España: as cotas que pagan as familias e as súas causas, elaborado por Esade, que destaca que a cobranza de cotas nos centros concertados "son ilegais en teoría mais habituais na práctica".

A investigación recolle dúas bases de datos elaboradas polo Instituto Nacional de Estatística (INE): a primeira mira ao fenómeno desde o lado do pagamento de cotas (familias) e a segunda desde o lado da cobranza (centros educativos).

Mentres que un 67% do alumnado do Estado español acode a centros de titularidade pública, perto de un 30% faino en centros financiados con fondos públicos mais de titularidade privada, chamados centros concertados (e só un 4% acode a centros privados auto-financiados).

O estudo pon de manifesto que, a día de hoxe, "non hai gratuidade universal para acceder á escola concertada" no Estado español. Ademais, a concertada, en comparación coa pública, escolariza nunha proporción moito menor ao alumnado de renda baixa e orixe migrante, o cal "dana de forma significativa a igualdade de oportunidades e a equidade, un dos seus obxectivos fundamentais".

A razón principal que explica a non gratuidade é o sistema de financiamento estabelecido para a escola concertada e unha regulación máis laxa dos seus servizos. "Ambos incentivan a cobranza de cotas, que son ilegais en teoría mais habituais na práctica", sinala o documento de Esade. Dependendo da etapa educativa, entre un 81% e un 95% do alumnado paga cotas, segundo datos da Enquisa de Gasto dos Fogares en Educación (EGHE), realizada por última vez en 2019/2020.

A cota media atópase entre os 680 e os 860 euros ao ano por alumno e alumna (incluíndo ás familias que non pagan como equivalentes a unha cota de 0 euros), o que supón unha cantidade total entre os 947 e os 1.186 millóns de euros para as tres etapas (Infantil, Primaria e ESO), dependendo da definición de cotas que se use.

Hai un 13% do alumnado que non paga cota nestas etapas, mentres que un 18% pagan unha cota moi baixa (de menos de 20 euros ao mes por alumno e alumna). No lado oposto, o 10% de alumnado que máis cotas paga asume o 45% do gasto total.

Neste sentido, o estudo advirte de que existen importantes diferenzas de pagamento de cota por renda das familias: o 20% de renda máis baixa paga unha media de 310 euros anuais de cota, mentres que o 20% de renda máis alta paga cotas lixeiramente superiores aos 1.000 euros.