As 9 chaves da Lei trans

Imaxe da bandeira transexual. (Foto: Europa Press)

O Consello de Ministros e Ministras aprobou na segunda feira o proxecto de lei de dereitos LGTBI e trans, que sae adiante na véspera do Orgullo LGTBI e após un ano de polémicas negociacións dentro do Goberno do PSOE e de Unidas Podemos. As mudanzas no texto non varían o espírito do escrito, que será remitido ao Congreso para iniciar a súa tramitación parlamentaria. Eis as chaves do proxecto de lei:

1. Autodeterminación de xénero: As persoas trans non terán, á fin, que declararse enfermas para modificar o seu sexo rexistral nin someterse, como até o de agora, a un mínimo de dous anos de tratamento hormonal.

2. Cambio de sexo desde os 12 anos: As persoas menores poderán realizar o cambio de sexo rexistral a partir dos 12 anos, se ben, entre os 12 e os 14 requirirán dunha aprobación xudicial; dos 14 aos 16, da asistencia dos pais ou titores e a partir dos 16, sen limitacións.

3. Revisión en tres meses: As persoas menores terán que reafirmarse perante o Rexistro Civil aos tres meses de presentar a vontade.

4. Sen informes nin tutelas médicas: Tan só se requirirá da vontade da persoa para mudar o sexo, sen necesidade de presentar informes médicos nin tutelas médicas nin legais. Tratarase dun procedemento perante o rexistro civil.

5. Prohíbense as terapias de conversión: Fican prohibidas as terapias de conversión, que consisten en actuacións psicolóxicas que buscan modificar a orientación sexual ou identidade de xénero dunha persoa.

6. Filiación de fillos e fillas: A norma facilitará a filiación de crianzas de lesbianas e persoas bisexuais, pois na actualidade só se considera nai biolóxica a muller que deu a luz e a súa parella debe recorrer a un proceso adoptivo.

7. Multas: A lei prevé un réxime de sancións e infraccións por discriminación ao colectivo LGTBI.

8. Mantéñense as obrigas xurídicas anteriores ao cambio: A norma contempla o mantemento de dereitos e obrigas xurídicas anteriores ao cambio de sexo rexistral, de maneira que non se evitarán condenas con agravante por razón de xénero, é dicir, os maltratadores non poderían pedir a mudanza no rexistro para saltar así a lei.

9. As persoas non binarias non conterán un terceiro apartado no documento de identidade, como reclamaba o colectivo