AXENDA CON TODAS AS MOBILIZACIÓNS

8M: as mulleres paran para paralo todo

Foto: Gz Contrainfo

Greve laboral, de coidados, de consumo e estudantil. O movemento feminista chama a paralo todo esta quinta feira 8 de marzo para denunciar e evidenciar a desigualdade e violencia contra as mulleres en todos os campos. 

8 de marzo, paralo todo. A primeira greve xeral internacional de mulleres, una convocatoria que se produce en 177 países e que nestas semanas deu pé en Galiza a todo un fervedoiro de actos, iniciativas, debates, encontros… que tiveron o seu culmen na multitudinaria manifestación do 4 de mazo en Vigo. A iniciativa vénse fraguando desde comezos de 2017 e está relacionada co paro mundial das mulleres impulsado desde Arxentina e secundado en máis de 70 estados o pasado 8 de Marzo baixo a consigna: “Querémonos vivas!”. A greve tamén está inspirada nunha iniciativa que houbo en Islandia en 1975 e que parou ese país ao ser secundada por 90% das mulleres.

 

O obxectivo desta greve xeral do 8M é evidenciar que, sen mulleres, o país para e denunciar a violencia machista e o sistema patriarcal, presente en todos os ámbitos da vida. Poñer de relevo a explotación que sofre a muller pola súa condición de tal ao tempo que se dá un paso para xerar unha alternativa feminista. A greve vai ter catro vertentes: laboral, de coidados, de consumo e estudantil.

 

A greve foi rexistrada polos sindicatos perante os organismos correspondentes (Traballo) e cumpre con todos os requisitos legais. "Todas as mulleres que secunden a Folga Xeral Feminista de 24 horas terán cobertura legal para exercer este dereito xa que conta con cobertura legal", indican desde o movemento. 

 

Cal é a duración?

 

Non é unha convocatoria unitaria. Na Galiza CIG -a central que convocou primeiro a greve na Galiza-, UXT e CC OO convocan a folga en forma de paros de dúas horas por quenda (de 00:00 a 2:00 horas da madrugada; de 12:00 a 14:00 horas e de 19:30 a 21:30 horas), mentres que CUT, SLG e SF Intersindical convocan greve feminista de 24 horas. A nivel estatal CGT, CNT e Confederación intersindical chaman a un paro de 24 horas. Numerosas plataformas e colectivos feministas están na orixe e desenvolvemento do movemento que trae até aquí.

 

Como se sumar á greve?

 

Secundando a greve e os paros laborais e estudantís.

Secundando as diferentes mobilizacións e concentracións convocadas por todo o país.

Deixando de coidar sen delegar noutras mulleres.

Deixando de mercar e consumir nesta xornada, nomeadamente naquelas grandes empresas símbolo de explotación ás traballadoras.

Pendurando mandís e outros elementos de balcóns para simbolizar a greve.

 

Os homes, poden sumarse?

 

Legalmente si. A convocatoria de greve cobre homes e mulleres, en todo caso, apontan desde o movemento feminista, aqueles homes que secunden a greve laboral deberían facelo para cubrir os servizos mínimos de coidados e para axudar nas tarefas de loxística e apoio no desenvolvemento da xornada. “Isto axudará a facer máis visíbel realmente a greve de mulleres nos eixos da greve feminista: laboral, de coidados, consumo e estudantil. Se realmente es solidario… acompaña sen protagonismos”.

 

Que partidos apoian a convocatoria?

 

Na Galiza, apoian a xornada En Marea, PSdeG e BNG. Ciudadanos e PP posiciónanse claramente á contra. O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, chegou a afirmar que “a greve de mulleres é o máis machista que se pode facer”

 

Mobilizacións

 

Hai convocadas numerosas mobilizacións e concentracións ao longo da xornada. Aquí, unha pequena guía para se orientar, tirada da web de galegas 8M:

 

A Coruña.  Manifestación a partir das 19:30 desde a Praza de Pontevedra, a pulada pola Marcha Mundial das Mulleres. Ás 19:00 hai outra marcha con saída do Obelisco, convocada polo Movemento feminista unitario da Coruña)

 

Compostela. Manifestación a partir das 20:00 dende a Praza 8 de marzo.

 

Ribeira. Concentración a partir das 20:00 na Praza do Concello. Participarán diversos colectivos da comarca do Barbanza (Rabudas en Loita, Aquelarre, Unión de Muchachas, Mulleres en Acción).

 

Ferrol. Manifestación a partir das 20:00 dende a Praza Amada García (edificio da Xunta).

 

Cee. Concentración ás 20:00 na Praza 8 de Marzo, convocada por Organización Feminista Buserana.

 

Noia. Concentración ás 20:00 na Alameda.

 

Carral.  Concentración ás 20:00 na Praza da Capela. Organiza Ervas Bravas.

 

Ourense. Concentración, ás 13:00 na Praza Maior. Manifestación a partir das 20:00 dende a Subdelegación do Goberno.

 

Allariz. Concentración a partir das 12:30 na Praza Maior.

 

Verín. Concentración a partir das 12:30, na Praza do Concello. Organizan sindicatos e asociacións de mulleres.

 

O Barco de Valdeorras. Concentracións ás 13:00 e ás 20:00 na Praza do Concello.

 

O Carballiño. Concentración, ás 13:00 na Praza Maior.

 

Viana do Bolo. Concentración ás 12:00 na Praza Maior.

 

Lugo. Ruada nocturna, ás 20:00 dende o Multiusos da Xunta. Organizan Translurpies e Plataforma Feminista de Lugo.

 

Vilalba. Concentración continuada, dende as 11.30 até as 21.00, na Praza da Constitución. Xantar, palestras, proxeccións e música, con lectura do manifesto ás 11.30 e as 20.30. Organizan a Secretaría da Muller do SLG e a Asociación Feminista de Vilalba.

 

Chantada. Concentración, ás 12.00 na Praza de Galicia (Xulgado), con lectura de manifesto e faladoiro ‘Por qué facemos folga?’. Organiza Polamiúda. Comarca da Mariña, organiza Observatorio da Mariña pola Igualdade.

 

Ribadeo Viaxe común Ribadeo-Burela no tren das 15:00.

 

Viveiro. Viaxe común Viveiro-Burela no tren das 17:00.

 

Burela.  Convivio e actividades no local da Asociación Xebra a partires das 16:00. Marcha de mulleres ás 19:30 desde a estación do tren. Concentración na Praza da Mariña ás 20:00.

 

Monforte. Concentración a partir das 20:00 na Praza de España.

 

Vigo. Manifestación a partir das 20:00 dende a Praza de Portugal.

 

Pontevedra.  Concentración de 12:30 a 14:00 na Praza da Peregrina.

 

Redondela. Concentracións con lectura de textos ás 12:00 e ás 19:00, na Praza da Constitución. Organiza a Asemblea Feminista As Paxaretas.

 

Ponteareas. Concentración ás 12:00 na Praza Bugallal.

 

Vilagarcía. Concentración ás 20:00 na Praza de Galicia.

 

Valmiñor. Ás 12:00, saídas dende Nigrán, Gondomar e Baiona. Ás 13:00, concentración na Ramallosa.

 

Marín.  Manifestación, ás 20:30 dende o Concello.

 

Silleda. Concentración, ás 12:00 na Praza da Igrexa.