88% dos alumnos e alumnas aproban a Abau na Galiza

Rapazas e rapaces da Mariña acceden aos exames da ABAU en Viveiro

O 87,96 por cento dos alumnos e alumnas que se presentaron á selectividade este ano na Galiza aprobaron a proba, segundo informou a Comisión Interuniversitaria de Galiza (CIUG). 

En concreto, o organismo explicou que 12.497 alumnos realizaron os exames da parte obrigatoria da Avaliación do Bacharelado para o Acceso á Universidade (Abau) nesta convocatoria e que 10.992 resultaron aptos. 

A porcentaxe de aprobados está un pouco por baixo da de anos anteriores (o ano pasado foi do 91,46 por cento), algo que representantes da CIUG atribuíron a que se presentaron un maior número de estudantes porque tamén aprobaron o bacharelato máis persoas que outros anos. 

Os resultados dos exames déronse a coñecer este xoves con algo máis dunha hora de atraso (estaba previsto que se publicasen ás 20.00 horas) debido de que a aplicación Nerta da Consellería de Educación, a través da que o alumnado debía acceder para coñecer as súas notas, "colapsou", explicou a CIUG.

Este ano, agregou a comisión, houbo case 1.000 correctores que se ocuparon de revisar case 100.000 exames. A cantidade de persoas que trataban de acceder ao mesmo tempo á aplicación provocou o colapso do sistema, indicou. 

Até o día 21 ás 14:00 horas, as e os alumnos poden solicitar a revisión dos seus exames. Estas peticións resolveranse antes do día 23, cando se publicará a listaxe definitiva de notas. Ademais, o día 20 ábrese o prazo para a preinscrición nas carreiras que os alumnos desexan estudar, que deben rexistrar por orde de preferencia na súa solicitude até o día 28. 

En total, para esta selectividade marcada polo coronavirus e as medidas de seguridade e hixiene para evitar contaxios, estaban rexistradas 14.559 persoas, das que se presentaron finalmente 14.379, o 98,76 por cento.