Oito de cada dez galegos, a favor de implantar medidas para controlar o fluxo de turistas en certos destinos de Galiza

Preséntase ‘Estudo de opinión sobre o impacto do Turismo en Galicia’, realizado por Unión de Consumidores de Galicia. Máis de 80% dos galegos considera que en Galiza hai destinos turísticos masificados

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galiza, Miguel López, acompañado pola presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, presentou esta cuarta feira en Compostela o ‘Estudo de opinión sobre o impacto do Turismo en Galicia’, un traballo que xorde das máis de setecentas enquisas que Ucgal levou a cabo durante o último trimestre de 2017.

 

 López lembrou que que a cifra de visitantes que recibe Galiza case duplica o número de habitantes  do noso país. “O impacto deses turistas xa se deixa notar en cidades como Santiago ou espazos naturais como as Cíes”, indicou. Neste contexto, non é de estrañar que 84%  das persoas enquisadas considere que hai destinos turísticos masificados ou que 81,5% estea a favor de implantar medidas para controlar o fluxo de turistas en certos espazos de Galiza. Outros datos do traballo ofrecidos pola Ucgal son  que 53% de participantes no estudo  valoran como ‘axeitado’ o número de turistas que cada ano visitan Galiza.  

 

Preguntadas polas vantaxes relacionadas coa actividade turística, as persoas participantes consideran que as principais son o aumento dos postos de traballo e saídas laborais (73%), a revalorización do patrimonio (48%) e o aumento da oferta de lecer e restauración (46%), entre outros.

 

Así mesmo, entre os inconvenientes máis votados pola cidadanía están a conxestión dos espazos públicos ( 72%), os danos a medio ambiente (60%) e o ruído e polución (44%). Neste apartado, a xentrificación, aparece en cuarto lugar con 36%.

 

A Unión de Consumidores de Galiza destaca que existe un amplo consenso social sobre a necesidade de que os axentes implicados no desenvolvemento da actividade turística incrementen a calidade da mesma, de  procurar a desestacionalización do fluxo de visitantes.