800€ de multa a dúas mozas de 15 e 17 anos por dicir "vergoña me daría ser policía"

[Imaxe: SG]

Aconteceu na Coruña ao rematar a manifestación da plataforma galega contra a LOMCE. Terán que pagar polo que a policía española entende como "unha falta de respecto aos axentes e provocación para o resto de manifestantes secundaren os insultos". Porén, o protesto fora xa disolvido cando se produciron os feitos.


"Vergoña me daría ser policía". Foi a opinión que manifestaron E.G. e outras catro compañeiras ao veren un grupo de axentes da policía española diante da delegación do Goberno español na Galiza, ubicada na Coruña. Dixeron iso e continuaron o camiño de volta da manifestación contra a LOMCE que se realizou na cidade.

Porén, cando xa pasara por volta de meia hora desde que a mobilización se disolvera e cando as mozas andaran xa varios metros --uns 10 minutos--, catro policías achegáronse a elas --conversaban sentadas nun banco-- e, "cunha actitude moi intimidatoria" preguntáronlles: "a ver, a quien le daría vergüenza ser policía? A ti y a ti? Vamos! A comisaría!"

Solicitaron as súas identificacións e, sen mediar máis palabras, conduciron E.G. e L.T., dúas das catro amigas, até a comisaría, onde fixeron ir as súas familias ao teren elas 15 e 17 anos. "Á miña nai dixéronlle que eu os insultara e, de feito, é iso o que pon na denuncia", pola que lle reclaman 400 euros a cada unha.

"Estabamos a exercer o noso dereito a expresar unha opinión", di E.G. en conversa con Sermos Galiza. Con todo, a policía española entende iso como "unha falta de respecto aos axentes e provocación para o resto de manifestantes secundaren os insultos", malia que, como explica a moza, o protesto xa fora disolto había tempo. 

E.G. revólvese. Quere saber se acontecería o mesmo se os policías que a levaron detida se presentasen nunha panadaría para dicir, falando entre eles, que lles dá vergoña seren panadeiros. "Mandaron catro axentes para levar á comisaría duas rapazas de 15 e 17 anos. Ían dous de diante e dous detrás, coma se fosemos delincuentes. A xente alucinaba. Unha señora até dixo que o panorama merecía ser gravado", continua E.G.

"Dixéronlles aos nosos pais que non nos vai constar como antecedente, que só é un aviso". Un "aviso" que custará 400 euros a cada familia destas dúas mozas e para o cal elas teñen outra explicación: "é unha falta de respecto á nosa liberdade de expresión" porque elas, remarcan, "só estabamos a expoñer a nosa opinión. Que lles senta mal? Bon... é o noso dereito".