800.000 galegos respiraron en 2020 ar prexudicial para a saúde malia o descenso da contaminación atmosférica

Vista de Vigo (Imaxe: Rtve)

A poboación máis afectada pola contaminación do aire en 2020 concentrouse na Coruña, Arteixo e Vigo, debido aos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2). Os niveis do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na Coruña seguen a ser moi preocupantes, segundo o informe de Ecoloxistas en Acción.

Un de cada tres habitantes da Galiza respirou en 2020 ar prexudicial para a súa saúde malia que nese ano a contaminación atmosférica caeu no país aos seus niveis máis baixos da última década. Este é un dos datos recollidos no informe que esta terza feira presentou Ecoloxistas en Acción.

O informe analiza os datos recollidos en 57 estacións oficiais de medición da calidade do ar distribuídas por todo o territorio galego, pertencentes a distintas institucións e empresas. Cómpre salientar que a única estación orientada ao tráfico existente na área metropolitana da Coruña, a da Xunta en Riazor, estivo inoperativa durante todo o ano 2020, por causa das obras no novo espazo público Amizar.

A diminución da mobilidade motorizada pola crise da Covid-19 provocou unha mellora xeral da calidade do aire sen precedentes en Galiza e no resto do Estado español. 

A poboación máis afectada pola contaminación do aire en 2020 concentrouse na Coruña, Arteixo e Vigo, debido aos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2). “Os niveis do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na Coruña seguen a ser moi preocupantes. A súa orixe principal semella industrial, mais cómpre un estudo específico sobre a súa orixe e medidas para diminuílos”, indica Ecoloxistas.

No informe recóllese que durante 2020 rexistrouse unha mellora xeral dos niveis de contaminación do ar en comparación co período 2012-2019. “Destaca a redución media nun 33% dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), debido sobre todo á queda da mobilidade motorizada urbana e interurbana. Esta tamén influíu na baixada nun 74% dos niveis de ozono troposférico ou malo, dado que os óxidos de nitróxeno son precursores deste contaminante, que se forma na atmosfera a partir doutros”.

A poboación máis afectada pola contaminación do aire en 2020 concentrouse na Coruña, Arteixo e Vigo, debido aos niveis de partículas e dióxido de xofre (SO2). “Os niveis do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na Coruña seguen a ser moi preocupantes

Porén, explican, a diminución dos niveis de contaminación foron “moito menores para aqueles contaminantes menos ligados ás emisións do tráfico e máis ás doutras fontes como a industria, malia o efecto positivo do colapso da produción eléctrica con carbón. Así, a redución media dos niveis de partículas inferiores a 10 micras (PM10) foi de só o 9%”.

Como resultado da caída das concentracións no aire dos principais contaminantes tóxicos, reduciuse a poboación que respirou aire sucio segundo as recomendacións da OMS: o 29% en 2020

“Case todos os 800.000 galegas e galegos que respiraron aire nocivo para a saúde en 2020 viven nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo e en Arteixo, que forma parte da área de influencia da Coruña pero que a efectos de avaliación da calidade do aire considérase de forma particular. A refinaría de petróleo de Repsol e outras industrias, así como e os tráficos urbano e portuario, son as causas da mala calidade do aire nestas zonas”.

Á marxe das industrias xa mencionadas, indica o informe, tamén se rexistraron niveis prexudiciais de contaminación por partículas e/ou dióxido de xofre (SO2) na contorna doutras industrias, caso de Finsa (Santiago), Megasa (Narón), Cementos Cosmos (Oural-Sarria) e Alcoa San Cibrao.