80% do negocio da sanidade privada, que pide axuda, procede de fondos públicos

Case a metade dos hospitais galegos son privados (Europa Press).
En plena crise sanitaria, os hospitais privados reséntense da falta de actividade e derivación de pacientes desde o Servizo Galego de saúde. Alegan perdas millonarias e reclaman unha saída viábel a conta dos cartos públicos. Á vista dos resultados, sindicatos e profesionais cuestionan a eficacia do modelo privado.

A chamada de auxilio dos hospitais privados da Galiza coincide no tempo coa reactivación da súa actividade hospitalaria de acordo coas instrucións ditadas tanto polo Ministerio de Sanidade como polo Servizo Galego de Saúde. Prevén recuperar parte da programación adiada pola declaración do estado de alarma, unha decisión que levou a Xunta a asumir a tutela de todos os centros privados e concertados.

Nestes dous meses alegan unha caída da actividade de 80%, un descenso que paralizou os ingresos. Desde a Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal) estiman unha perda de 40 millóns de euros que espera ver compensados de aquí a final de ano. Así llo trasladou á Administración galega, a quen lle solicita medidas específicas que garantan a viabilidade de todos os hospitais e a liquidez inmediata dalgúns centros.

"Que pidan máis axudas non ten sentido", afirma a Nós Diario Manuel Martín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública. "A sanidade privada vive parasitando o sistema público. Máis de 80% do seu negocio provén de concertos e acordos puntais coa sanidade pública. Non ten sentido que, por riba dos recortes que se fixeron para abrirlle paso á atención privada e por riba dos acordos que derivan a miles de doentes aos seus hospitais, pidan recibir máis cartos", engade.

Un modelo ineficaz

Ahosgal integra os 12 principais centros privados da Galiza, entre os que se atopan hospitais HM, Quirón, Vithas, Polusa, San Rafael, Juan Cardona, Cogasa e Povisa. Xuntos xestionan 80% das camas hospitalarias privadas e 19,1% das prazas dispoñíbeis en todo o territorio. Dan traballo a máis de 5.000 profesionais e, en 2018, facturaron 326 millóns de euros.

No que resta de 2020 non queren que a Xunta mude as condicións dos seus acordos. Por iso piden que, polo menos, pague o mesmo que en 2019, para asegurar uns ingresos iguais ou superiores da actividade concertada, malia que a derivación de pacientes durante a emerxencia sanitaria caese en picado.

"Segundo o decreto de alerta sanitaria, os centros privados están a disposición do sistema público. A Xunta empeñouse en montar hospitais de campaña no canto de usar as camas da privada. Polo tanto, terá que pagarlles en función dos postos que utilizou pola COVID, non pola actividade que deixaron de prestar”, advirte María Xosé Abuín.

Unha vía complementaria

Para a secretaria nacional de CIG-Saúde, as demandas da sanidade privada son consecuencia das políticas do Partido Popular. "Coa Lei de garantías de 2013 o que fixo o Sergas foi igualar a sanidade pública e privada, cando a lei de 2008 estabelecía que a sanidade privada era complementaria da pública, e só no caso de ser necesaria. A sanidade pública e privada non son o mesmo, por moito que insista Núñez Feixoo en que a privada tamén é pública porque non se paga cando te derivan a ela", censura.

Abuín defende a necesidade de reactivar os hospitais públicos en quendas de tarde. "Non poden estar paralizados. Dispoñen de tecnoloxía que non se está usando mentres lles pagan a terceiros por faceren ese traballo. O custo é dobre", recalca.

Desde CCOO aseguran que o modelo da sanidade privada non é eficaz, e "quedou demostrado" durante esta crise. "Nin sequera nesta situación de pandemia foi significativa", asegura a responsábel de Sanidade do sindicato, Emilia Lamas. "Puntualmente, na Galiza usáronse algunhas camas, mais a Administración antepuxo a creación de dous hospitais de campaña", lembra.

Para Lamas resulta "evidente" que a privada non é necesaria, sen capacidade asistencial para as doentes máis graves nin camas UCI. O que cómpre, di, "é o reforzo dos servizos públicos. Hai que dotalos de máis medios e de persoal, mudar as quendas, se fai falta. O que non podemos é seguir financiando a sanidade privada. Ten que coexistir, pero non con cartos públicos", conclúe.

Tamén desde UXT resaltan o carácter complementario da sanidade privada e censuran que se use o colectivo de traballadoras máis a súa continuidade como escusa para que a Xunta garanta a viabilidade do sector. "Os postos de traballo son intocábeis, o modelo pódese mudar", advirten desde o sindicato.

260 millóns de euros en concertos

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública aseguran que a derivación de pacientes á sanidade privada procedentes dos servizos públicos do Sergas multiplicouse por tres nos últimos anos. E segue crecendo, sinalan, grazas á aplicación da Lei de garantias que obriga a desviar doentes cunha espera superior aos 45 días nas consultas de especialistas ou probas diagnósticas e 60 en intervencións cirúrxicas.

"25% da atención sanitaria na Galiza xa se presta en hospitais privados". Denuncian, ademais, a ampliación de concertos para "satisfacer a demanda das grandes multinacionais hospitalarias de acceder ao financiamento público". O Sergas destina acada ano a Ahosgal máis de 260 millóns de euros. Só o concerto singular de Povisa supera os 80 millóns, apuntan.